Extinguido o incendio de Pacios da Serra, en Quiroga, e controlado o de Calvos de Randín

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O lume de Quiroga, iniciado o 15 de setembro, queimou 397 hectáreas de monte arborado e outras 70,4 de superficie rasa, mentres que o de Calvos de Randín arrasa xa 518 hectáreas
incendio-quiroga
27 Sep 2026

A Consellería do Medio Rural deu por extinguido ás 13.55 horas deste domingo o incendio forestal iniciado o pasado 15 de setembro na parroquia de Pacios da Serra, no concello de Quiroga. O lume chegou a afectar unha superficie total de 467,4 hectáreas.

Do total da superficie afectada, 397 hectáreas corresponden a monte arborado, mentres que as 70,4 restantes son de superficie rasa.

Durante a evolución do incendio foi necesario activar o pasado 16 de setembro a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade das lapas a núcleos de poboación. Esta situación operativa de emerxencia foi desactivada ese mesmo día.

Os medios mobilizados para facer fronte ao incendio sumaron, ao longo da emerxencia, 16 técnicos, 103 axentes, 139 brigadas, 93 motobombas, nove pas, dúas unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións.

Por outra banda, permanece controlado desde as 13.18 horas deste domingo o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Calvos de Randín, na parroquia de Randín. O lume iniciouse ás 13.36 horas do pasado xoves e, segundo as últimas medicións provisionais, afecta unha superficie de 518 hectáreas.

Neste caso tamén foi necesario declarar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade ao núcleo de As Meaus, no concello limítrofe de Baltar. A situación operativa de emerxencia xa foi desactivada.

Nos labores de extinción deste incendio mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, sete técnicos, 47 axentes, 54 brigadas, 33 motobombas, cinco pas, seis unidades técnicas de apoio, dez helicópteros e 11 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que o teléfono gratuíto 085 está dispoñible para comunicar a detección de incendios forestais. Tamén se pode utilizar a aplicación ALume para informar sobre lumes activos en Galicia.

Para comunicar de forma anónima e gratuíta sospeitas ou coñecemento de actividades delituosas relacionadas cos incendios forestais está dispoñible o número 900 815 085. A información actualizada sobre os incendios que afectan máis de 20 hectáreas tamén pode consultarse na conta de X @incendios085.

0.12629294395447