Expertos internacionais buscan impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Unha trintena de expertos en patrimonio de diferentes países e comunidades autónomas reúnense no Mosteiro de Santo Estevo no congreso internacional Fontes, que busca impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
Inauguración do Congreso Internacional 'Fontes'
Inauguración do Congreso Internacional 'Fontes'
28 Out 2024

Nogueira de Ramuín acolle ata este martes, 29 de outubro o Congreso Internacional ‘Fontes-Patrimonio Mundial: Coñecemento para conservar’, que busca impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e que se está a desenvolver no parador de Santo Estevo, onde unha trintena de especialistas en patrimonio afondan na xestión e os retos dos espazos e enclaves distinguidos como Patrimonio Mundial.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, acompañou hoxe ao embaixador de España ante a UNESCO, Miquel Iceta, á inauguración deste congreso internacional. O delegado, que agradeceu ao embaixador a súa presenza neste acto, ao que tamén asistiron alcaldes e alcaldesas dos 26 concellos da comarca, aproveitou a celebración do mesmo no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil para destacar o esforzo que está a facer o Goberno pola recuperación e posta en valor do patrimonio histórico na comunidade.

Na mesma liña, sinalou a importancia que para Galicia tería a inclusión da Ribeira Sacra na lista de bens Patrimonio Mundial da UNESCO e comprometeu todo o apoio do Goberno para que sexa pronto unha realidade.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou a candidatura “seria, forte e solvente” de Ribeira Sacra: Paisaxe da auga para ser recoñecida en 2026 como Patrimonio Mundial da Unesco. Así o defendeu na inauguración do congreso internacional Fontes, que reúne estes días no concello ourensán de Nogueira de Ramuín unha trintena de expertos en patrimonio de diferentes países e comunidades autónomas, xunto con profesionais dos sectores da cultura e do turismo, e que contou co embaixador da España ante a Unesco, Miquel Iceta, a quen lle agradeceu a súa asistencia.

“Contamos cos requisitos para ser optimistas de cara á consecución deste recoñecemento internacional”, aseverou o titular de Cultura do Goberno galego, quen garantiu que se están a dar “todos os pasos necesarios” e que se están a “cumprir rigorosamente” cos trámites requiridos desde a Unesco para acadar esta declaración mundial para a Ribeira Sacra.

Precisamente, lembrou que el mesmo entregou hai un mes en París o primeiro avance do expediente da candidatura ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta. E seguindo a folla de ruta marcada, tamén precisou que esta documentación complementouse co envío que fixeron os técnicos do Ministerio de Cultura.

Deste xeito, segundo adiantou López Campos, o seguinte paso ante a Unesco será unha nova achega coa versión definitiva que debe producirse antes do 1 de febreiro de 2025. “Trátase de pasos fundamentais co obxectivo final de que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico de 2026”, resumiu.

Expertos internacionais en patrimonios mundiais

Neste horizonte de cara a 2026, o conselleiro salientou o “relevante papel” de impulso da candidatura que supón o congreso internacional Fontes inaugurado no Parador de Santo Estevo. Así, valorou as “achegas, experiencias e ideas máis que útiles” que aportarán á candidatura da Ribeira Sacra estes expertos internacionais e nacionais en patrimonio, “sobre todo de aqueles lugares que xa contan con este recoñecemento”.

Neste senso, López Campos agradeceu a participación de especialistas e representantes de organismos vencellados con patrimonios mundiais xa recoñecidos pola Unesco como do Val de Loira (Francia), da cidade de Toledo (Castela A Mancha), da cova de Altamira (Cantabria) ou do xacemento de Atapuerca en Burgos (Castela e León).

O representante do Goberno galego apuntou que a finalidade deste foro internacional é “afondar, establecer sinerxías e debater” sobre a xestión e retos dos espazos e enclaves distinguidos como Patrimonio Mundial “co propósito de promover estratexias de colaboración entre diferentes actores relacionados coa candidatura da Ribeira Sacra”.
No encontro —que se alongará a toda a xornada de mañá— tamén están a participar representantes de institucións culturais, académicas e das administracións, tanto do eido local como de outras comunidades autónomas ao igual que profesionais do sector turístico.

Ao respecto, López Campos celebrou a “alta e ampla implicación” de sectores vencellados co patrimonio, coa cultura e co turismo, ao tempo que agradeceu o interese de todos eles “en traballar a prol de revitalizar a candidatura” co obxecto de acadar no Consello do Patrimonio Histórico de 2026 este “merecido recoñecemento“ para a Ribeira Sacra.

Folla de ruta iniciada en 2017

Finalmente, o conselleiro aproveitou a súa intervención para lembrar o “esforzo e intenso traballo” por parte do Goberno galego coa candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Con este obxecto, sinalou os preto de 8 millóns de euros que a Xunta ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

En concreto, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. Ademais, López Campos salientou que as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego eleváronse nos orzamentos deste ano un 7%, “alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra”. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, subliñou.

Por estes motivos, insistiu en que desde Xunta de Galicia se ten o “firme convencemento de que todos xuntos aínda se pode facer máis” para que a declaración de Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra “sexa unha realidade a festexar en 2026 por toda a súa veciñanza; por todos os galegos e galegas e polo resto de España; e tamén, de seguro, que se sumará a esta celebración a comunidade internacional”, concluíu.

3.3863101005554