Éxito en Chantada do programa de formación dixital para maiores de 60 anos “Conexión Dixital Senior+”

O Concello de Chantada valorou positivamente a acollida das actividades do programa de formación “Conexión Dixital Senior+”, dirixido a persoas maiores de 60 anos e desenvolvido durante o mes de maio na Casa da Cultura.
Estas accións formativas, de carácter gratuíto e impartidas pola entidade Euroformac, incluíron cursos centrados no uso de WhatsApp e na comunicación móbil, así como na xestión dixital de trámites coa administración pública. Desde o consistorio destacan a boa resposta de participación en ambas propostas.
Tras estes primeiros obradoiros, o Concello prepara unha nova oferta formativa que se desenvolverá entre o 28 de maio e o 15 de xuño, en horario de 16:30 a 19:30 horas.
As persoas interesadas poderán inscribirse de forma presencial na Casa da Cultura ou a través do teléfono 982 441 752. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.
Nesta nova edición ofreceranse dous bloques formativos. Por unha banda, “Reservas online de viaxes e eventos”, que se impartirá os días 28 de maio, 4 e 11 de xuño, e incluirá contidos sobre reservas de aloxamento, transporte e compra de entradas para eventos, así como aspectos básicos de seguridade en plataformas dixitais.
Por outra banda, desenvolverase o curso “Redes sociais para a vida cotiá”, previsto para os días 1, 8 e 15 de xuño, no que se traballará a creación e xestión de perfís, a comunicación en redes sociais e a seguridade e privacidade nestes contornos dixitais.
O programa “Conexión Dixital Senior+” está financiado con fondos públicos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través dos fondos europeos Next Generation.