Éxito de asistencia no primeiro concerto das XXXVII Xornadas da Rota do Románico de Pantón

As XXXVII Xornadas da Rota do Románico arrancaron este domingo cun primeiro concerto que rexistrou un cheo absoluto na Igrexa románica de San Miguel de Eiré. A actuación estivo a cargo de Brice Duisit, mestre de canto e vielle e especialista en monodia trobadoresca.
O concerto desenvolveuse nun dos espazos patrimoniais máis representativos da programación, nunha cita que contou cunha elevada afluencia de público.
A programación continuará o sábado 20 de xuño cunha nova proposta musical titulada “Fantasías de Telemann na Ribeira Sacra”, centrada no repertorio de viola de gamba.
Nesta ocasión, a intérprete será Sara Ruiz, profesora de viola da gamba no Conservatorio Superior de Música de Vigo e directora do Consort de Violas da Gamba da Universidade de Salamanca.
A programación deste segundo concerto desenvolverase en diferentes localizacións da Ribeira Sacra ao longo da mesma xornada. Así, a actuación terá lugar na Igrexa parroquial de Pombeiro ás 11.30 horas, na Igrexa de San Fiz de Cangas ás 16.30 horas e no Mosteiro do Divino Salvador ás 19.00 horas.