Excelente actuación dos atletas da Pobra de Trives no Campionato Galego de Atletismo Sub-14

Os deportistas das Escolas Deportivas Municipais da Pobra de Trives lograron uns resultados destacados no Campionato Xunta de Galicia Sub-14, celebrado recentemente no Barco de Valdeorras, onde competiron con atletas de toda a comunidade.
A mellor noticia chegou da man de Ana Basalo González, que conseguiu a medalla de prata no lanzamento de disco cunha marca de 24,77 metros, que ademais supón a súa mellor marca persoal. A atleta completou tamén unha boa actuación no lanzamento de peso, onde finalizou en quinta posición cun rexistro de 7,61 metros, tamén marca persoal.
Pola súa banda, Nicolás Eduard Lascu asinou unha dobre presenza nos postos de honra, acadando a cuarta posición tanto no lanzamento de peso, con 10,89 metros, como na xavelina, onde chegou aos 25,46 metros, mellorando tamén os seus rexistros anteriores.
No apartado de carreiras, Alejandra Prieto Fernández completou unha meritoria actuación nos 500 metros lisos, nos que foi terceira na súa serie cun tempo de 1:41.45, acadando igualmente a súa mellor marca persoal.
Desde o Concello destacan que estes resultados sitúan aos mozos e mozas da localidade entre os mellores do atletismo galego na súa categoría, froito do esforzo dos deportistas, do traballo técnico e do apoio constante das súas familias.
O Goberno local aproveita estes logros para poñer en valor o labor das Escolas Deportivas Municipais, que permiten fomentar a práctica deportiva desde idades temperás e ofrecen oportunidades de formación e competición sen necesidade de desprazarse a outros municipios.
Nun contexto no que manter unha programación deportiva estable nun concello pequeno supón un esforzo continuado, desde o Concello subliñan que resultados como estes demostran a importancia de seguir apostando polo deporte base como ferramenta de desenvolvemento persoal e social da mocidade.