Este sábado celébrase a terceira edición do Trail e Andaina Capela do San Vitoiro

RibeiraSacraXa
Organizada polo Concello da Pobra do Brollón, a cita contará con tres modalidades nas que participarán un cento as persoas de todas as idades
Trail-e-Andaina-Capela-do-San-Vitoiro-A-Pobra-do-Brollón
6 Sep 2024

A Pobra do Brollón acollerá este sábado, 7 de setembro, a terceira edición do Trail e Andaina Capela do San Vitoiro, no que participarán preto de 200 deportistas.

Organizada polo Concello da Pobra do Brollón, a cita contará con tres modalidades: Trail longo (28 quilómetros e un desnivel positivo de 1.100 metros), Minitrail (14 quilómetros e un desnivel positivo de 450 metros) e Andaina, cunha distancia de 14 quilómetros e, como novidade, a posibilidade de acurtar a 9, segundo a forma física de cada participante.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, son un cento as persoas de todas as idades anotadas para a andaina, mentres que uns 80 atletas poñeranse a proba nas modalidades de trail.

Unha área recreativa e un miradoiro emblemático

O encontro deportivo comezará ás 9.30 horas cos participantes no Trail longo, seguidos 15 minutos despois dos da Andaina e, por último, o Minitrail.

Tanto a saída como a meta estará instalada na área recreativa Samugueiros, no centro da localidade da Pobra. Neste punto, con zona de baño, haberá tamén unha pinchada final para todos os inscritos.

O percorrido transcorre nun 70 % por sendeiros e nun 25 % por cortalumes, de xeito que só o 5 % restante é pista asfaltada. Ademais, o Trail longo terá como punto de referencia o miradoiro Pena do Santo, un lugar emblemático do concello da Pobra, nas inmediacións da capela do San Vitoiro, onde cada 27 de agosto se celebra unha popular romaría.

Unha trintena de voluntarios colaboran no evento

Uns trinta voluntarios, veciños da Pobra do Brollón, colaboran nos preparativos do evento, tanto nos labores de roza como de deseño e sinalización do percorrido ou atendendo os puntos de avituallamento que os deportistas atoparán ao longo do seu camino.

O Trail e Andaina Capela do San Vitoiro conta tamén coas aportacións de preto de trinta negocios, na súa maioría deste concello, que quixeron apoiar así a iniciativa.

Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados (masculino e feminino) do Trail longo e do Minitrail tanto na categoría xeral como en veteranos (maiores de 45 anos).

A maiores, obterán un trofeo especial os atletas máis destacados (masculino e feminino) da comarca de Lemos nestas dúas modalidades.

Os organizadores animan a todos os veciños e veciñas, así como aos visitantes a achegarse ata A Pobra este sábado para desfrutar dunha xornada de deporte, natureza e convivencia nun grande ambiente.

0.16192412376404