Este domingo terá lugar a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia por Chantada

RibeiraSacraXa
O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que organiza Atletismo Chantada coa colaboración do Concello de Chantada e o prazo para inscribirse remata o xoves, 18 de abril ás 23.
andaina corazón de Galicia Chantada
16 Apr 2024

O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que organiza Atletismo Chantada coa colaboración do Concello de Chantada e o prazo para inscribirse remata o xoves, 18 de abril ás 23.59 horas en ccnorte.com.

A Andaina, que ten como obxectivo dar a coñecer novas rutas de sendeirismo no municipio chantadino e poñer en valor as paisaxes desde os camiños tradicionais que se fan andando, terá nesta ocasión un percorrido de 12 quilómetros.

Ás 10.00 horas do día 21 comezarase na adega Castrofiz para iniciar a Andaina pola ribeira de Chantada ata Guxeba traxecto no que a organización vén de recuperar un camiño que estaba pechado.

“Creo que vai ser moi bonito para os asistentes poder coñecer novas rutas. Cada ano preparamos sendeiros, marcamos a ruta e despois recollemos todo. Procuramos que non quede marca de ningún tipo, que a xente no tire nada. De feito coas andainas aproveitamos para recoller o lixo que atopamos para que quede todo o máis limpo posible”, asegura Alejandro Méndez, presidente do Clube Atletismo Chantada.

Ata 250 persoas chegaron a participar en edicións anteriores da Andaina polo Corazón de Galicia, acudindo xente de toda a contorna e destacando a participación de nenos e nenas.

O Concello de Chantada colabora facilitando, entre outras aportacións, os medios de asistencia: “Durante a Andaina contarase co apoio de Protección Civil ante posibles caídas ou torceduras. Os participantes terán aprovisionamento de auga en varios momentos da Andaina e contarase en diferentes puntos da ruta cunha ambulancia para calquera emerxencia”, sinala a concelleira de Deportes, Belén Vázquez.

A seguinte cita que organiza Atletismo Chantada é a Carreira Popular de Chantada que terá lugar o sábado, 18 de maio e proximamente presentarase o cartel e programa da actividade.

0.16583204269409