Estabilizados os incendios na parroquia taboadense de Insua e na de Cameixa en Boborás

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O primeiro lume iniciouse onte ás 16,44 horas e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor das 20 hectáreas
incendio-forestal
29 Jul 2026

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal, estabilizado arestora, que se rexistra no concello lucense de Taboada, parroquia de Insua.

Este lume iniciouse onte ás 16,44 horas e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor das 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 5 técnicos, 8 axentes, 16 brigadas, 13 motobombas, 3 pas, 9 helicópteros e 6 avións.

O Concello comunicou que o lume quedou estabilizado antes da chegada da noite e agradeceu a colaboración da veciñanza "que amosaron a súa solidariedade e compromiso, sen dubidar en sacar os seus tractores con cisternas para colaborar na loita contra o lume e protexer o noso territorio".

Por outra banda, o incendio forestal declarado na noite do martes no lugar de Salceda, na parroquia de Cameixa, no concello ourensán de Boborás, quedou estabilizado arredor da unha da madrugada deste mércores. O lume iniciouse cara ás 23.00 horas e converteuse no cuarto incendio rexistrado este verán neste municipio. No operativo de extinción participaron un axente, dúas brigadas e dúas motobombas.

Segundo apuntan veciños da zona, a orixe do incendio podería estar na caída dun piñeiro sobre unha liña eléctrica. Este terme municipal viuse afectados nos últimos días por catro lumes.

Na mesma noite tamén se declarou outro incendio no monte, na parroquia de Moreiras, igualmente no concello de Boborás, despois de que o lume se iniciase nunha vivenda deshabitada. Neste caso, o incendio puido quedar extinguido pouco despois da medianoite.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

0.12945795059204