Estabilizado o incendio de Calvos de Randín tras afectar 460 hectáreas, mentres que o de Manzaneda quedou extinguido

O incendio forestal declarado no concello ourensán de Calvos de Randín, na parroquia de Randín, permanece estabilizado desde as 23.39 horas do venres, segundo informou a Consellería do Medio Rural. O lume iniciouse ás 13.36 horas do xoves e as últimas estimacións provisionais sitúan en 460 hectáreas a superficie afectada.
A proximidade do incendio ao núcleo de As Meaus, no concello limítrofe de Baltar, obrigou a declarar a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia quedou desactivada durante a xornada do venres.
Para facer fronte ao lume mobilizáronse ata o momento, de forma acumulada, sete técnicos, 43 axentes, 47 brigadas, 29 motobombas, cinco pas, seis unidades técnicas de apoio, dez helicópteros e once avións.
Por outra banda, o incendio forestal rexistrado no concello de Manzaneda, na parroquia de Reigada, quedou extinguido ás 21.22 horas do venres. O lume iniciouse ás 1.15 horas da madrugada dese mesmo día e mantívose activo durante boa parte da xornada.
As primeiras estimacións provisionais situaron a superficie afectada por riba das 20 hectáreas, pero a medición final reduciu esa cifra ata as 13,82 hectáreas. Do total queimado, 13,52 hectáreas corresponden a monte raso e as 0,3 restantes a superficie arborada.
O incendio de Reigada foi dado por controlado ás 17.04 horas e os efectivos continuaron posteriormente cos traballos sobre o terreo ata conseguir a súa completa extinción pouco máis de catro horas despois. En total, o operativo reuniu oito axentes, 14 brigadas, dez motobombas, unha pa e tres helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que a cidadanía pode comunicar a detección de incendios forestais a través do teléfono gratuíto 085. Tamén está dispoñible a aplicación ALume para avisar sobre lumes activos en Galicia, mentres que o número 900 815 085, anónimo e gratuíto, permite denunciar posibles actividades delituosas relacionadas cos incendios.
A evolución dos incendios forestais que superan as 20 hectáreas pode consultarse na conta de X @incendios085.