Espertamonforte leva ao Pleno de Monforte dúas mocións sobre a limpeza de colexios e o IBI

RibeiraSacraXa
O grupo municipal propón medidas para garantir o cobro dos salarios atrasados ao persoal de limpeza de tres centros educativos e expón unha revisión do imposto sobre bens inmobles
German Vazquez Esperta Monforte modificado
Imaxe de arquivo
20 Nov 2026

O grupo municipal Espertamonforte-IGV leva ao vindeiro Pleno do Concello de Monforte de Lemos dúas mocións: unha sobre a situación do persoal de limpeza de varios colexios públicos e outra relativa ao coeficiente do Imposto de Bens Inmobles (IBI) no municipio.

Situación do persoal de limpeza en tres colexios

A primeira moción fai referencia ao servizo de limpeza do CEIP A Gándara, o CEE Infanta Elena e o Colexio Novo. Segundo expón o grupo, o persoal encargado da limpeza destes tres centros acumula varios meses sen percibir o seu salario, ao que se suman atrasos previos, mentres continúa desempeñando o seu labor con normalidade. Espertamonforte lembra que o prego de cláusulas administrativas do contrato recolle distintos mecanismos para estas situacións: o pagamento dos salarios considérase unha obriga contractual esencial, e a empresa debe acreditar cada tres meses que está ao corrente coas nóminas e coa Seguridade Social. O prego contempla así mesmo a posibilidade de reter as contías pendentes de pagamento á contratista para garantir o abono dos salarios, así como non devolver a garantía do contrato até que se acredite dito pagamento.

Con esta moción, Espertamonforte propón que o Concello solicite á empresa a acreditación documental do pagamento de salarios e cotizacións, inicie se procede o expediente de penalidades previsto no contrato e valore a retención das contías pendentes de pagamento á contratista, co obxectivo de que as traballadoras poidan cobrar o que se lles debe. O grupo propón ademais que, en caso dunha nova licitación do servizo, se garanta a subrogación das traballadoras conforme ao convenio colectivo provincial de limpeza de edificios e locais de Lugo e á Lei de Contratos do Sector Público, mantendo a súa antigüidade, categoría e demais condicións laborais. Por último, propón que se informe ao Pleno e aos consellos escolares dos tres centros sobre as actuacións que se leven a cabo.

Proposta de revisión do coeficiente do IBI

A segunda moción expón unha revisión á baixa do coeficiente do IBI en Monforte de Lemos. Segundo os datos achegados polo grupo, o municipio aplica actualmente un coeficiente do 0,605 % para os bens inmobles de natureza urbana e do 0,380 % para os de natureza rústica, cunha previsión de ingresos para 2026 de 4.150.000 euros e 61.000 euros respectivamente.

O grupo lembra que estes coeficientes se situaban no 0,420 % en 2011 e no 0,450 % en 2012, e calcula que unha rebaixa do coeficiente actual suporía para o Concello deixar de ingresar aproximadamente 400.000 euros ao ano. Con estes datos enriba da mesa, Espertamonforte propón ao equipo de goberno municipal estudar dita rebaixa.

0.15648698806763