EspertaMonforte convoca unha concentración contra a nova fonte do Parque dos Condes

EspertaMonforte convocou para este venres, 31 de xullo, unha concentración de protesta contra a instalación da nova fonte do Parque dos Condes, coincidindo coa xornada na que está prevista a súa inauguración oficial por parte do Concello de Monforte. A mobilización terá lugar entre as 22.00 e as 22.30 horas na beirarrúa situada diante da oficina do BBVA, na rúa Cardeal.
A través das redes sociais, o colectivo critica o investimento realizado nesta actuación e considera que os recursos económicos destinados á fonte deberían empregarse noutras necesidades da cidade. Baixo lemas como “Non á fonte” e “O parque non esquece, non esquezas ti”, a plataforma sostén que existen outras prioridades para a veciñanza e cuestiona a oportunidade da obra.
No cartel difundido para promover a concentración, EspertaMonforte asegura que xa existen outras fontes a pouca distancia do parque e cualifica a actuación como un “despilfarro de cartos públicos”. Ademais, anima aos asistentes a elaborar os seus propios carteis reivindicativos para participar na protesta.
A convocatoria chega poucos días despois de que o alcalde, José Tomé, anunciase a posta en marcha da nova fonte ornamental e da urbanización da Zona D, unha actuación que o Goberno local considera estratéxica para a renovación do Parque dos Condes e a mellora deste espazo urbano. O acto inaugural está previsto para as 22.30 horas e incluirá a actuación musical do grupo Gin Toni's.
A nova fonte, de 25 metros de diámetro, forma parte dun proxecto de remodelación desenvolvido sobre unha superficie de 2.850 metros cadrados e que inclúe tamén a renovación dos pavimentos, novo mobiliario urbano e a reorganización dos espazos de estancia e paseo.