Esperta Monforte reclama unha nova aula de 2º de Primaria tras o rexeitamento da súa moción

RibeiraSacraXa
O grupo asegura que as sete clases da cidade teñen 153 alumnos e cuestiona que se considere suficiente ocupar as prazas dispoñibles nos centros concertados
Germán-Vázquez-Esperta-Monforte
2 Oct 2026

O Pleno do Concello de Monforte de Lemos rexeitou este luns, 28 de setembro, a moción presentada por Esperta Monforte para solicitar á Consellería de Educación a creación dunha nova unidade de 2º de Educación Primaria. A proposta contou co voto en contra do Partido Popular e coa abstención do PSOE, que goberna o municipio.

Segundo os datos achegados por Esperta Monforte, os cinco centros educativos da cidade escolarizan neste curso 153 alumnos e alumnas de 2º de Primaria distribuídos en sete aulas. O grupo municipal sinala que, tomando como referencia o obxectivo de 20 estudantes por aula recollido no Acordo de melloras do sistema educativo galego de 2023, serían 140 as prazas correspondentes a esas sete unidades.

A formación apunta ademais que nos dous colexios públicos existen tres grupos con 23, 23 e 24 alumnos, mentres que nos tres centros concertados as catro aulas teñen 21, 20, 20 e 22 estudantes. Espertamonforte engade que, aplicando os criterios de cómputo establecidos para alumnado con discapacidade ou dependencia, as ratios dos grupos públicos alcanzarían o límite legal.

A moción propoñía revisar a planificación do curso e habilitar unha nova unidade para dispoñer de máis prazas en Monforte, sen incrementar o número de alumnos das aulas xa existentes. O grupo asegura que continúan chegando solicitudes de matrícula unha vez iniciado o curso.

A portavoz municipal do PP, Luisa Vázquez, xustificou o voto contrario sinalando que a situación se axusta á normativa e que existen 17 prazas vacantes nos tres centros concertados. Espertamonforte sostén que esas prazas resultan de calcular a capacidade das catro aulas sobre unha ratio de 25 alumnos, polo que, segundo os seus datos, non supoñen espazo dispoñible mantendo os grupos nos niveis actuais.

Vázquez sinalou tamén no Pleno que a situación xa fora analizada pola comisión de escolarización e que era coñecida pola Administración educativa. Esperta Monforte indica que esa comisión se reuniu o 25 de xuño, cando xa se advertira sobre a situación das aulas de 2º, e que posteriormente se incorporaron seis novos alumnos.

Pola súa banda, o portavoz do PSOE e do Goberno local, Iban Torres, explicou que o seu grupo optou pola abstención á espera de contar con máis información dos centros públicos. Segundo Esperta Monforte, o Concello non dispón de todos os datos necesarios porque a concelleira de Educación e Cultura, Marina Doutón, non participou na comisión de escolarización do 25 de xuño. O grupo asegura ter presentado unha pregunta sobre os motivos desa ausencia e afirma que aínda non recibiu resposta.

Esperta Monforte anunciou que continuará reclamando unha solución e que volverá levar ao Pleno a proposta de constituír un Consello Escolar Municipal. A formación considera que este órgano permitiría abordar con maior antelación cuestións relacionadas coa escolarización e as necesidades dos centros educativos.

O concelleiro de Esperta Monforte Jaime Germán Vázquez Pérez defendeu que a situación das aulas debe analizarse a partir dos datos de alumnado e das ratios existentes, e reclamou medidas ante o número de estudantes matriculados en 2º de Primaria.

0.15126705169678