Esperta Monforte levará ao pleno a seguridade viaria, a presión da auga e as demandas do CEE Infanta Elena

O grupo municipal de Esperta Monforte presentou os rogos e preguntas que trasladará ao pleno do Concello de Monforte de Lemos deste luns 30 de novembro. O seu voceiro, Jaime Germán Vázquez Pérez, formula varias peticións relacionadas coa seguridade viaria, o abastecemento de auga e o estado das instalacións do CEE Infanta Elena.
Un dos rogos céntrase na mellora da seguridade peonil no cruzamento das rúas San Pedro e Calvo Sotelo, diante dun concesionario de coches. A formación advirte de que se producen situacións nas que coinciden en verde os semáforos dos vehículos e dos peóns, tanto ao xirar á dereita desde Calvo Sotelo cara á rúa San Pedro como no sentido contrario.
Ademais, sinala que as luces ámbar intermitentes que advirten os condutores da presenza de peóns presentan importantes problemas de visibilidade debido á presenza de árbores, mobiliario urbano, como farolas, e outros elementos luminosos do concesionario. Por este motivo, Esperta Monforte pide ao goberno municipal que revise a sinalización e a regulación dos semáforos desta intersección e adopte as medidas necesarias para garantir a visibilidade dos sinais e mellorar a seguridade dos peóns.
O segundo rogo solicita ao executivo local que volva revisar a presión da auga en toda a cidade.
No apartado de preguntas, Jaime Germán Vázquez interesa saber cando ten previsto o goberno municipal responder ás reclamacións presentadas por rexistro o 24 de febreiro de 2025 en relación coa situación do CEE Infanta Elena. En concreto, pregunta cando teñen pensado contestar e retirar a varanda e o camiño.
A formación tamén denuncia que o centro educativo se puxo en contacto co Concello a través do rexistro en polo menos vinte ocasións para reclamar traballos de mantemento que considera competencia municipal, sen recibir resposta a ningunha delas.
Entre as cuestións trasladadas polo centro figuran a retirada de elementos en mal estado do patio, os problemas coa calefacción e a limpeza das fiestras e dos espazos exteriores. Ante esta situación, Esperta Monforte pregunta cando considera o goberno local que poderá atender algunha das peticións formuladas polo CEE Infanta Elena.
Os escritos, asinados polo voceiro municipal o 27 de novembro de 2026, serán trasladados ao goberno local na próxima sesión plenaria.