Esperta Monforte levará a pleno unha moción para instar á Xunta para evitar aulas saturadas no municipio

O Grupo Municipal Esperta Monforte presentou unha moción para o seu debate no pleno na que solicita á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia que revise de maneira urxente a planificación de 2º de Educación Primaria en Monforte de Lemos de cara ao curso 2026/2027. A iniciativa pretende garantir que se creen ou manteñan as unidades necesarias antes do inicio das clases e evitar situacións de saturación nas aulas.
Na exposición de motivos, a formación sinala que unha educación pública de calidade require unha planificación suficiente e adaptada á realidade dos centros, tendo en conta non só o número de matrículas formalizadas, senón tamén a existencia de alumnado con necesidades específicas que computa de forma ponderada e as novas incorporacións que se producen antes e durante o curso escolar.
A moción lembra que en outubro de 2023 a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais representativas do profesorado asinaron o Acordo de melloras do sistema educativo galego e das condicións laborais docentes, publicado posteriormente no Diario Oficial de Galicia mediante a Resolución do 10 de xaneiro de 2024. Segundo EspertaMonforte, ese acordo contempla a redución progresiva das ratios máximas de alumnado por aula, polo que considera necesario que a planificación educativa se adapte a ese compromiso.
A formación asegura que, segundo a información trasladada polas comunidades educativas, a situación de 2º de Primaria nos dous centros públicos de Monforte é especialmente axustada para o próximo curso. Indica que os tres grupos existentes suman xa un total de 75 alumnos e alumnas en cómputo ponderado debido á presenza de alumnado con dependencia recoñecida, situándose, segundo expón, no límite da capacidade prevista.
Ademais, EspertaMonforte advirte de que o proceso de escolarización non está pechado e continúan chegando novas solicitudes de matrícula, tanto antes do inicio do curso como ao longo do mesmo. Na moción sostén que, se non se revisa agora a planificación, existe o risco de que a Administración teña que adoptar decisións unha vez iniciado o curso escolar, coa creación de novas unidades de forma sobrevida, o que considera prexudicial para o alumnado, as familias e o profesorado.
Por este motivo, a formación defende unha actuación preventiva que permita adaptar a organización dos grupos antes do comezo das clases e garantir así unha educación de calidade.
A iniciativa inclúe tamén unha referencia ao Consello Escolar Municipal. EspertaMonforte afirma que Monforte leva anos sen constituír este órgano de participación previsto na lexislación educativa e considera necesario impulsar a súa creación para favorecer a coordinación entre administracións, centros educativos e comunidade escolar.
A moción recolle cinco acordos. O primeiro consiste en instar á Consellería de Educación a revisar con carácter urxente a planificación de 2º de Primaria para o curso 2026/2027.
No segundo punto solicítase ao Departamento Territorial de Educación de Lugo que, á hora de planificar as unidades, teña en conta non só o número real de alumnado matriculado, senón tamén o cómputo ponderado do alumnado con discapacidade, dependencia ou outras circunstancias que afecten á ratio.
O terceiro acordo pide que se respecte o espírito do Acordo de melloras do sistema educativo galego e das condicións laborais docentes e da Lei 5/2024, evitando, segundo indica a moción, que as aulas situadas entre os 20 e os 25 alumnos continúen incrementando o número de estudantes sen unha planificación axeitada.
No cuarto punto, EspertaMonforte solicita expresamente a creación e o mantemento das unidades necesarias de 2º de Educación Primaria nos centros da localidade para evitar aulas saturadas e posibles desdobramentos unha vez iniciado o curso.
Finalmente, a moción propón dar traslado destes acordos á Consellería de Educación, ao Departamento Territorial de Educación de Lugo, á Inspección Educativa e aos equipos directivos dos centros públicos de Monforte de Lemos.
Ademais, o grupo tamén levará a Pleno unha moción na que solicitarán o rexeitamento das actuacións institucionais que fixeron posible a execución do proxecto da nova ponte sobre o río Cabe.