Esgos presenta un amplo programa de verán con actividades culturais, deportivas e de lecer ata setembro

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A programación inclúe obradoiros, concertos, cine, deporte e iniciativas interxeracionais distribuídas por distintas parroquias do municipio
ioga-esgos
1 Jul 2026

O Concello de Esgos vén de presentar o seu programa de verán, unha proposta con decenas de actividades que se desenvolverán ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro en diferentes espazos do municipio, incluíndo Esgos, Vilar e Pardeconde, entre outros.

A programación arrinca en xullo cun conxunto de actividades vinculadas á reflexión social, a saúde e o benestar. O xoves 2 celebrarase a actividade “Alimentación, clave no ciclo das mulleres”, dentro do Proxecto Maruxa Mallo, en Pardeconde. O xoves 9 será a quenda de “As mulleres e o deporte”, tamén no marco do mesmo proxecto, en Esgos. O fin de semana do 11 e 12 de xullo desenvolverase a proposta “No hace falta ver el fuego para saber que el mundo está en llamas”, que terá lugar en Vilar e Esgos.

Xa na segunda metade do mes, o xoves 16 celebrarase a actividade “Saúde sexual ao longo da vida” en Vilar, dentro do Proxecto Maruxa Mallo. O venres 17 está previsto un concerto do grupo de acordeóns Bieito Blanco. O domingo 19 terá lugar unha quedada BTT con saída ás 9:30 horas desde Esgos.

En agosto, o programa continúa con propostas distribuídas por todo o municipio. Os domingos celebrarase o II Encontro de Campaneiros en diferentes parroquias. O sábado 8 terá lugar a Feira do Pinto. Tamén está prevista a actividade “Cinema con ollos de muller”, do Proxecto Maruxa Mallo, en data por confirmar. O xoves 13 haberá un concerto no Mosteiro de Rocas.

O mes de agosto inclúe ademais cine de verán o mércores 19 en Esgos, unha actividade de pilates dentro do programa +Deporte en data por confirmar, e o xoves 20 unha xornada que combinará ludoteca e festa da escuma en Esgos, ademais da Festa do Emigrante, tamén no municipio.

En setembro, o programa pecharase con varias propostas, entre elas un mercadillo veciñal de segunda man en Esgos e a actividade “Debuxar letras”, integrada no programa Ler Conta Moito, que se celebrará na biblioteca o día 18.

0.13436603546143