Escolares do Colexio Novo coñecen o funcionamento do Concello de Monforte nunha visita didáctica

RibeiraSacraXa
O alumnado estivo acompañado polo alcalde de Monforte, José Tomé, e pola tenente de alcalde, Gloria Prada
tome-visita-escolares
4 Jun 2026

Un grupo de alumnos e alumnas de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Monforte, Colexio Novo, participou este xoves nunha visita educativa á Casa do Concello co obxectivo de achegarse ao funcionamento da administración local.

Durante a actividade, os escolares estiveron acompañados polo alcalde de Monforte, José Tomé, e pola tenente de alcalde, Gloria Prada, quen lles deron a benvida ás instalacións municipais e os guiaron por diferentes espazos do edificio consistorial.

Un dos momentos centrais da visita tivo lugar no Salón de Plenos, onde o rexedor explicou ao alumnado como se organiza o Concello, cales son as súas funcións e o papel que desempeña como administración máis próxima á cidadanía. Ademais, informou sobre o labor que desenvolven os distintos departamentos municipais e respondeu ás preguntas formuladas polos nenos e nenas.

A visita permitiu tamén que os escolares coñecesen algúns dos proxectos nos que está a traballar actualmente o equipo de goberno municipal.

A xornada completouse cun percorrido polas dependencias da Policía Local, onde os axentes lles mostraron as instalacións e os vehículos empregados no seu labor diario, achegando aos máis pequenos o funcionamento deste servizo municipal.

0.12528586387634