Escairón celebrará as Festas da Virxe das Dores con deporte, música e tradición os días 1 e 2 de agosto

RibeiraSacraXa
A programación inclúe a Carreira Popular Concello do Saviñao, verbenas con catro orquestras, actos relixiosos, xogos populares e un partido de fútbol
fogos-artificiais-festas
25 Jul 2026

Escairón acollerá os días 1 e 2 de agosto unha nova edición das Festas na honra da Virxe das Dores, cun programa que combinará actividades deportivas, actos relixiosos e actuacións musicais.

A programación comezará o sábado 1 de agosto coa XIV Carreira Popular Concello do Saviñao, que terá saída na Praza Maior. As probas das categorías infantís arrancarán ás 11.00 horas, mentres que a carreira absoluta dará comezo ás 12.00 horas. A inscrición é gratuíta e poderá formalizarse ata o 30 de xullo.

A celebración continuará pola noite cunha gran verbena na Praza Maior a partir das 22.30 horas, na que actuarán as orquestras Channel e Monterrojo, que este ano conmemora o seu 25 aniversario.

O domingo 2 de agosto as actividades iniciaranse ás 11.00 horas cun pasarrúas. Ás 12.00 horas celebraranse xogos populares na Praza Maior e, unha hora despois, terá lugar a misa solemne na igrexa de Escairón, seguida da procesión na honra da Virxe das Dores. Ás 14.00 horas ofrecerase un concerto da banda de música.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, disputarase o Trofeo Festas de Escairón, que enfrontará ao Atlético Escairón co Club Lemos B.

As festas rematarán cunha nova verbena na Praza Maior a partir das 22.00 horas, nesta ocasión coa actuación das orquestras Cinema e Combo Dominicano.

0.10097980499268