Entrevista: "Ogallá no 2022 poidamos celebrar o Entroido Ribeirao todos xuntos de novo"

RibeiraSacraXa
Falamos co presidente da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao sobre o traballo do colectivo para manter viva esta tradición ancestral
entroido ribeirao
21 Feb 2021

O Entroido Ribeirao foi, durante moitos anos, o segredo mellor gardado de moitos pobos da ribeira do Miño no sur da provincia. Ao mesmo tempo que a celebración se foi dando a coñecer comezou tamén a esvaecerse, empurrada polo amargo despoboamento que sofre o rural. Agás en Santiago de Arriba, o seu último reduto. Esta aldea chantadina acolle ano tras ano as figuras dos volantes, os peliqueiros e os mecos. A Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao encárgase de manter viva esa tradición ancestral, que só a covid foi quen de empañar. Os veciños fixan xa a vista no vindeiro ano 2022, coa esperanza de volver celebrar o Entroido todos xuntos.

Falamos con Iván González que, desde fai dous anos, preside a asociación.

Cómo viviron na asociación non poder celebrar este ano o Entroido?

A verdade é que foi unha situación moi rara. Nos vinte anos que leva funcionando a Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao, nunca se vivira algo así. Faltaba esa alegría que sempre hai na aldea no Entroido. Pero os tres domingos -Lambedoiro, Corredoiro e de Entroido- e o Martes de Entroido saímos igualmente, aínda que fose en solitario, para tentar manter a tradición. Fixémolo respectando todas as medidas sanitarias, con máscaras e todo, pero si que dous volantes saímos cruzar as hortas para que alomenos as campaíñas soaran na aldea como todos os anos.

Canto tempo lle dedican a preparar cada Entroido?

Na asociación traballamos durante todo o ano para preparar o Entroido seguinte, e os meses antes, arreo. Hai que recoñecer que é moito traballo, moitas dores de cabeza, pero logo chega o momento, ves os resultados, e todo compensa. En canto ao que hai que preparar, as peles dos maragatos, por exemplo, quedan dun ano para outro. Outra cousa son os puchos dos volantes -estruturas que poden pesar ata 15 quilos e das que colgan multitude de cintas de cores- xa que, ao ser as cintas de papel pinocho, hainos que facer todos os anos. E se hai Entroido e chove, témolos que volver a facer dun domingo para outro, porque se lles cae unha gota de auga xa non vale para nada.

Este ano todo foi distinto, pero o traballo fixémolo igual, coa ilusión de que o Entroido se puidese celebrar. Logo chega o momento, e ves que non se pode, e é unha mágoa, pero a situación é a que é.

Cre que as novas xeracións teñen interese en manter viva a tradición?

A verdade é que nós temos a grande sorte de ter unha canteira enorme. Un domingo normal de Entroido podémonos xuntar aquí con 14 ou 15 nenos vestidos, algúns de meses. Eu creo que si que hai futuro asegurado para o noso Entroido.

Santiago de Arriba é ademais o último reduto do Entroido Ribeirao...

Antigamente, no concello de Chantada, na zona da ribeira, había Entroido en todas as parroquias: en Vilaúxe, San Pedro, Nogueira, Vilar, Camporramiro... Agora, e xa dende fai anos, só sobrevive aquí, en Santiago de Arriba. E o que queremos desde a Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao é manter esa tradición, e mantela o máis parecida ao que era.

Contan con finanzamento para a súa labor?

Contamos coa axuda do Concello de Chantada e tamén temos unha achega da Deputación de Lugo, pero é certo que non é suficiente. Pode parecer que non, pero isto ten moito gasto detrás. Non estamos en perigo, por dicilo así, porque nos salvan iniciativas como as rifas que facemos para poder sacar uns cartos cos que ir mercando o que precisamos. De todos os xeitos, o Entroido Ribeirao non vai parar por estas cousas, iso está claro, porque as gañas poden máis.

Teñen algún proxecto en mente?

Actualmente estamos reformando a casa-escola do Campo do Moredo, que é onde realizamos o Entroido Ribeirao. Cando eses traballos rematen gustaríanos montar alí un pequeno museo dedicado ao noso Entroido.

Será o Entroido Ribeirao declarado Festa de Interese Turístico?

É algo no que non nos damos por vencidos, pero a realidade é que é moi difícil. Fai uns anos cambiaron a norma para outorgar a declaración de interese turístico e piden cousas que son inviables, por exemplo pídenche papeis de onde fuches dar charlas sobre o tema... E como vas a un colexio onde estiveches fai quince anos a pedirlles un xustificante? É totalmente inviable.

Que agardan do Entroido de 2022?

Sobre todo esperamos que a situación xeral mellore, e que o Entroido se poida facer ao cen por cento. Poder contar de novo con todos os compañeiros que nos vestimos ano tras ano, e con toda esa xente que nos vén dar o seu apoio a Santiago de Arriba. Ogallá o poidamos disfrutar todos xuntos outra vez.

0.20774793624878