Entrevista: "O tecido asociativo é fundamental para os pobos do rural"

RibeiraSacraXa
Falamos con Tamara Castro, que desde fai oito meses preside a Asociación de Comerciantes e Industriais do municipio de Taboada
taboada acimta presidenta tamara castro
14 Mar 2021

A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (Acimta) ten á súa fronte, desde fai oito meses, a Tamara Castro. Despois de anos inactivo, o colectivo empresarial botou a andar con paso firme nuns tempos especialmente complicados e conseguiu reunir a máis de 70 socios. Levar a FP dual a Taboada e aproveitar a sinerxia turística da Ribeira Sacra son algunhas das liñas nas que traballan actualmente.

Falamos de todo elo coa presidenta, Tamara Castro.

En termos xerais, como ve a situación do sector do comercio e da industria en Taboada?

A situación é difícil, sobre todo para o sector do comercio que se viu moi prexudicado pola crise xerada pola covid. A hostalería e o turismo son os máis damnificados e esta situación, á súa vez, afecta a tódalas empresas que traballan con estes sectores. Ao final é uha cadea, na que en maior ou menor medida, antes ou despois, estaremos prexudicados. Isto sumado a tódolos hándicaps que temos no rural fai que a situación se agrave máis.

Houbo negocios que se viron abocados ao peche polas restricións?

Xa no primeiro confinamento un negocio de hostalería do pobo tivo que pechar polas restricións e xa non volveu abrir. A incerteza que xera a crise é unha dificultade máis para poder seguir. Hai que apoiar actividades para formar a emprendedores con metodoloxías adaptadas á realidade, que lles axuden a ter iniciativas con éxito.

Como se pode contribuír a revitalizar a economía dos pequenos concellos neste momento?

O presidente da Federación Galega de Comercio dicía esta semana que calcula que no último ano, no marco da pandemia pola covid, pecharon máis de 10.000 comercios en Galicia. Se a situación se xestionara ben non deberíamos chegar a esas cifras. Para evitar o peche de máis negocios necesitamos axudas directas para os sectores máis prexudicados, reducción de taxas e impostos, aprazamentos dos mesmos, liñas de financiamento con todas as medidas favorables para poder superar a situación de crise: aumento dos prazos de carencia, comisión de apertura e xuros subvencionados, por exemplo.

Desde a asociación ven na dixitalización unha aposta de futuro para as empresas locais...

A innovación, e incluíndo nela a dixitalización, son elementos imprescindibles para o futuro do rural. Desde Acimta creamos e puxemos en marcha unha páxina web, www.acimta.es , para poder facilitar a información a tódolos socios e para que se poidan unir novas empresas ou autónomos á asociación. Estámola actualizando continuamente para poder ter a información real ao día, e así chegar dunha maneira máis eficaz á xente. Na mesma liña, recentemente asinamos un acordo con Envaco, que supón unha facilidade máis para que os nosos socios poidan dispoñer dunha plataforma de venta para os seus productos de balde, e así poder probar sin ningún tipo de medo.

Apostan tamén desde Acimta por reforzar a Formación Profesional en Taboada…

Sí, xa estamos traballando nelo. Fixemos unha listaxe de tódolos socios que están interesados en acoller estudantes en formación da FP Dual e da FP Convencional, e puxémolos en contacto co dinamizador da nosa zona dos FP dual para que se xestione con éxito. O noso obxectivo neste eido será chegar a instauralos na nosa vila para poder disfrutar das vantaxes que implican.

En que outros proxectos traballan?

Desde Acimta cremos fundamental a posta en marcha do polígono industrial de Taboada. Esta é unha das liñas na que estamos traballando. Son moitas as empresas interesadas en que estean disponibles as parcelas nun prazo de tempo prudencial, a un prezo razoable e con todas as características e necesidades que os empresarios necesitan para establecer no polígono as súas empresas. Consideramos que teñen que adecuar as condicións das parcelas á demanda dos empresarios, para que haxa un resultado favorable para todas as partes.

Por outro lado, somos conscientes da importancia do sector turístico da Ribeira Sacra e por iso vemos a necesidade de visibilizar o nome de Taboada no mapa do sur de Lugo para garantir o impulso da economía da zona, incluídos tamén os sectores que non están directamente relacionados co turismo. Para elo, o primeiro que fixemos foi reunirnos coa presidenta do Consorcio de Turismo para que nos axude a conseguilo e agradecemos a súa disposición a colaborar en todo o que propoñamos.

Que papel xogan as asociacións como Acimta nos concellos, e especialmente no rural? 

O tecido asociativo é necesario para o pobo, e pode chegar a ser moi eficaz. No rural temos a vantaxe de chegar máis fácilmente a xente, de poder transmitir coñecementos e difundir iniciativas, proxectos ou estudios que poidan axudarnos a mellorar a todos. Recentemente fixemos un enquisa para coñecer mellor  a realidade da situación xerada pola crise económica e sanitaria no noso pobo e así poder ter ferramentas para traballar cara ao avance e a reactivación económica. O cuestionario foi cuberto polo 100% dos socios e agradecemos desde aquí a participación activa de todos.

0.19112801551819