Elena Candia traslada o apoio do PP de Lugo á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO

RibeiraSacraXa
A presidenta provincial del PP reuniuse en Monforte con alcaldes e representantes da zona sur e destacou a colaboración institucional como clave nesta fase final do proceso
candia-alcaldes-rs
26 Jun 2026

A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, trasladou o apoio da formación á candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, a única proposta española que opta ao recoñecemento como Patrimonio Mundial da UNESCO. Fíxoo durante unha reunión de traballo celebrada en Monforte de Lemos na que participaron alcaldes, portavoces, membros da dirección provincial e representantes populares de distintas institucións da zona sur da provincia.

Durante o encontro, Candia expresou a súa confianza en que “o traballo coordinado entre as administracións, colectivos e cidadáns”, xunto co papel do Goberno nesta fase final para reforzar o apoio internacional á candidatura, “se traduza nun merecido recoñecemento para a Ribeira Sacra”.

A presidenta provincial puxo en valor algúns dos elementos que singularizan este territorio, entre eles a paisaxe asociada á chamada viticultura heroica e o importante patrimonio románico existente na zona. Estas características forman parte dos principais argumentos dunha candidatura que abrangue un total de 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense.

Candia lembrou tamén que o informe elaborado por Icomos destaca diferentes valores da candidatura, entre eles as súas características paisaxísticas e a relación histórica entre as persoas, a auga e o territorio. O documento tamén sinala elementos tradicionais da zona como os socalcos, as cavaduras ou os muíños, ademais de poñer en valor iniciativas relacionadas co turismo sostible e a coordinación institucional e de gobernanza.

No encontro celebrado en Monforte, a presidenta popular destacou ademais a “implicación dos alcaldes” e “o apoio dos portavoces e representantes do Partido Popular” á candidatura, aspectos que, segundo indicou, amosan o compromiso co territorio e coa provincia. Neste sentido, incidiu tamén na importancia do “traballo coordinado”, que definiu como “un sinal de identidade do noso proxecto político”.

Esta reunión forma parte dos encontros periódicos que o PP provincial está a manter cos seus representantes nas distintas comarcas da provincia. Tras unha primeira xuntanza na zona centro e a celebrada agora na zona sur, a formación prevé un novo encontro na zona norte antes do inicio do período estival.

0.12191104888916