O SLG e o Consello Regulador da Ribeira Sacra piden reforzar as medidas para consolidar a recuperación da DO

RibeiraSacraXa
Ambos os organismos apostan por impulsar a promoción da marca, autorizar o uso de drons e contar con estudos oficiais sobre os custos de produción
cr-ribeira-sacra-slg
7 Aug 2026

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra coinciden na necesidade de seguir avanzando nas medidas destinadas a consolidar a recuperación do sector vitivinícola tras a crise de excedentes rexistrada en 2024.

Esta foi unha das principais conclusións da reunión mantida polo presidente do Consello Regulador, António Lombardía, con representantes do SLG, entre eles Brais Álvarez, responsable da Secretaría de Acción Sindical e novo responsable do Sector do Viño; o viticultor de Pantón David Álvarez, e a secretaria xeral do sindicato, María Ferreiro.

Durante o encontro analizouse a situación do sector ante a próxima campaña de vendima e constatouse unha evolución favorable despois das medidas adoptadas durante os últimos dous anos. O SLG valorou especialmente a redución dos cupos ata os 7.500 quilos por hectárea e as axudas destinadas á conservación da paisaxe, que considera ferramentas importantes para contribuír a equilibrar a situación da denominación.

O sindicato lembra que parte destas decisións chegaron tamén despois das mobilizacións protagonizadas polo sector durante a crise. Ao mesmo tempo, ambas as organizacións coinciden en manter a atención sobre a evolución dos prezos da uva para garantir que a recuperación se traduza nunha maior estabilidade económica para os viticultores.

Outro dos puntos de acordo foi a necesidade de reforzar a promoción da marca Ribeira Sacra. O SLG considera que a denominación debe incrementar os seus esforzos para mellorar o seu posicionamento e competir nun mercado cada vez máis esixente.

A organización agraria entende que unha maior diferenciación e visibilidade dos viños da DO pode contribuír a mellorar a súa posición dentro da cadea de valor e favorecer tamén a actividade das explotacións vitícolas.

O encontro tamén abordou a utilización de drons para a aplicación de tratamentos fitosanitarios. O SLG e o Consello Regulador consideran que esta tecnoloxía podería resultar especialmente útil nun territorio caracterizado pola viticultura en pendente e polas dificultades para realizar determinados traballos.

Segundo explican, a súa utilización precisa da correspondente autorización do Ministerio de Agricultura. O Consello Regulador está a traballar coa Xunta para trasladar esta petición á Administración estatal, mentres que o SLG se compromete a continuar facendo seguimento das xestións realizadas.

Neste sentido, tamén se puxo en valor un proxecto de investigación no que participan a Ribeira Sacra e outras dúas denominacións españolas situadas en territorios de características similares, en Canarias e Cataluña. O estudo analizará as posibilidades, vantaxes e limitacións do emprego de drons nos viñedos de zonas de montaña.

O SLG considera igualmente prioritario dispoñer de estudos oficiais e independentes sobre os custos reais de produción na Ribeira Sacra. A organización entende que contar con estes datos permitiría determinar se os prezos percibidos polos viticultores cobren os gastos necesarios para producir e detectar posibles desequilibrios na cadea de valor.

Neste sentido, o sindicato reclama ao Consello Regulador que manteña a presión ante as administracións para avanzar nestes estudos e garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, especialmente no relativo á prohibición de establecer prezos por baixo dos custos de produción.

O SLG considera que a evolución experimentada pola Ribeira Sacra tras a crise de 2024 pode servir de referencia para outras denominacións galegas que atravesan dificultades. A organización defende que medidas como a regulación dos volumes de produción e as axudas vinculadas á conservación da paisaxe poden contribuír a protexer a rendibilidade das explotacións e reclama que a Xunta valore a aplicación de medidas similares noutras DO, entre elas Rías Baixas.

0.15507507324219