Preto de 190 alumnos e alumnas monfortinos beneficiaranse das axudas para libros e material escolar este curso

RibeiraSacraXa
O Concello destina ata 35.000 euros á convocatoria, 5.000 euros máis que o ano pasado, e os vales poderán retirarse desde este mércores 26 de agosto
alumnos-estudante-colexio-instituto
25 Aug 2026

O Concello de Monforte de Lemos concedeu as axudas destinadas á adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2026/2027, das que resultaron beneficiarias un total de 189 persoas. A Xunta de Goberno Local aprobou a resolución da convocatoria na súa sesión deste luns, 24 de agosto.

A liña de apoio está dirixida ás familias con menor renda per cápita do municipio e maiores dificultades económicas para afrontar os gastos asociados ao inicio do curso. A convocatoria conta cunha dotación máxima de 35.000 euros, tras o incremento de 5.000 euros respecto ao ano anterior.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, sinala que “desde o Concello queremos que as familias con menos recursos económicos poidan afrontar con maior tranquilidade os gastos que supón o inicio do curso escolar, por iso decidimos incrementar este ano a partida destinada a esta convocatoria”.

O rexedor destaca tamén que “estas axudas forman parte do compromiso do meu Equipo de Goberno de apoiar ás familias monfortinas, especialmente ás que se atopan nunha situación económica máis desfavorable, e de contribuír a que ningún neno ou nena teña dificultades para contar cos libros e co material necesario para iniciar o curso escolar”.

As bases establecen que poden beneficiarse destas axudas os alumnos empadroados no Concello de Monforte e matriculados no curso 2026/2027 en educación infantil, de 3 a 5 anos, educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, sempre que estean escolarizados nalgún dos centros públicos ou concertados existentes no municipio.

As contías concedidas serán entregadas ás persoas beneficiarias mediante un vale único por cada solicitude, selado e asinado pola concelleira de Servizos Sociais. Os vales comezarán a entregarse este mércores, 26 de agosto, na Secretaría do Centro de Servizos Sociais do Concello de Monforte de Lemos, situado no Paseo do Malecón.

As persoas beneficiarias dispoñerán dun prazo dun mes desde a publicación da resolución de concesión para retirar o vale. Se non o fan dentro deste período, entenderase que renuncian á axuda e o vale será anulado. Tamén se procederá á súa anulación no caso de renuncia expresa.

No caso do alumnado que estea pendente de formalizar a matrícula en setembro, a entrega do vale quedará condicionada á presentación do correspondente certificado de matriculación no curso 2026/2027.

Unha vez retirado, o vale poderá empregarse para adquirir libros e material escolar nas librarías de Monforte de Lemos que elixa libremente a persoa beneficiaria. O gasto poderá realizarse ata o 30 de setembro de 2026 e terá como límite máximo a contía indicada no propio vale.

Para utilizalo será necesario que a persoa beneficiaria se identifique. En caso de perda do documento, tanto por parte da persoa beneficiaria como da libraría, non se expedirá un novo vale.

Se o importe da compra é inferior ao valor do vale, a diferenza non será devolta nin poderá ser utilizada posteriormente. Se, pola contra, o gasto supera a contía concedida, a diferenza deberá ser asumida pola persoa solicitante, xa que o Concello unicamente cubrirá o importe establecido no vale.

Cada vale deberá empregarse nun único establecemento e non poderá fraccionarse. Unha vez recibido o material, a persoa solicitante deberá entregar o vale asinado para autorizar a cesión do cobro á libraría correspondente.

Os establecementos deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello, situado na Praza de San Antonio, os vales acompañados das correspondentes facturas a nome das persoas beneficiarias antes do 31 de outubro de 2026, para que se poida tramitar a súa conformidade e posterior pagamento.

O alcalde sinala finalmente que, no caso de que algunha familia quedase fóra da convocatoria por presentar a solicitude fóra de prazo ou por non ter coñecemento da mesma, “pode acudir aos Servizos Sociais do Concello e a súa petición será valorada, podendo ser atendido ata esgotar o crédito dispoñible”.

0.1386342048645