Dous edificios municipais de Chantada melloran a súa eficiencia enerxética con sistemas de xeotermia

O Concello de Chantada recibiu dúas axudas destinadas a mellorar a eficiencia enerxética da Biblioteca Municipal e do edificio onde ten a súa sede a Policía Local, inmoble no que ademais se está a acondicionar a futura ubicación do Centro de Atención Temperá. Entre ambas as subvencións acadouse un importe conxunto de 58.000 euros.
As obras, que se atopan practicamente rematadas, consistiron na instalación dun sistema de calefacción mediante xeotermia, que inclúe solo radiante e bombas de calor dimensionadas para responder ás necesidades dos diferentes espazos de cada edificio.
Estas instalacións foron visitadas recentemente por representantes da administración autonómica e municipal, que puideron comprobar o estado dos traballos executados en ambos os edificios.
As axudas concedidas enmárcanse nun programa xestionado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) con cargo aos fondos europeos NextGeneration, cuxo obxectivo é impulsar o uso de enerxías renovables, reducir o consumo enerxético en edificios e infraestruturas de titularidade pública e diminuír a dependencia dos combustibles fósiles.