Dezanove mozos participarán en programas de voluntariado e campamentos de verán en Quiroga

Un total de dezanove mozos e mozas colaborarán este verán co Concello de Quiroga en diferentes iniciativas municipais co obxectivo de adquirir experiencia e ampliar o seu currículo a través de actividades de voluntariado e apoio aos servizos estivais.
Once destes participantes formalizaron recentemente os acordos de colaboración co Concello. Oito deles participan ao abeiro do programa de voluntariado solicitado pola administración local a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
A sinatura dos documentos contou coa presenza do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e de Marisa Castro, directora do Centro de Información á Muller (CIM) e coordinadora dos campamentos de verán.
Parte dos mozos e mozas desenvolverán a súa actividade nos campamentos de verán destinados a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos, mentres que outros colaborarán nos museos municipais de Quiroga.
Durante a reunión explicáronse as funcións que desempeñarán, así como as pautas relacionadas coa atención aos participantes nos campamentos e o traballo de atención ao público nos espazos museísticos. Ademais destas tarefas, tamén colaborarán noutras actividades impulsadas polo Concello ao longo da tempada estival.
No encontro tamén estiveron presentes os oito monitores que traballarán nos Campamentos de Verán Concilia Quiroga, unha iniciativa financiada a través do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia. Estes profesionais accederon aos postos tras acreditar a titulación requirida e superar o proceso correspondente de selección.