Destinados mais de 36.000 euros a AFA Chantada para a inclusión e o apoio psicolóxico de mulleres coidadoras

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou esta mañá a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (AFA) Chantada, onde puxo en valor o traballo de acompañamento e inclusión que esta entidade realiza con mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Segundo explicou a responsable autonómica, garantir a atención e favorecer a integración laboral e social destas mulleres é precisamente o obxectivo da convocatoria de axudas posta en marcha polo Goberno galego, dirixida a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que impulsen este tipo de programas.
A directora xeral destacou que o compromiso de AFA Chantada coa igualdade se reflicte en iniciativas como o Gabinete de Apoio á Muller Coidadora, un servizo pensado para mulleres que exercen de coidadoras informais de persoas con discapacidade ou dependencia. A través deste programa, a entidade ofrécelles asesoramento sobre planificación e recursos para os coidados, ademais de orientación laboral e acompañamento na procura de emprego. A asociación complementa esta atención individualizada cun servizo de apoio psicolóxico para estas mulleres.
Para o desenvolvemento desta iniciativa, o Goberno galego destina a AFA Chantada unha achega superior aos 36.000 euros, dentro dunha liña de axudas da que este ano se benefician máis de sesenta entidades.