Desde o SLG denuncian que a Ribeira Sacra "está vivindo unha situación dramática"

RibeiraSacraXa
Os viticultores e viticultoras pregúntanse que está a pasar cos anuncios do representante de AGACAL ou coas promesas da Xunta
Vendima-Ribeira-Sacra
26 sep 2024

Desde o Sindicato Labrego Galego denuncian que está rematando a vendima e "non hai constancia de que foran habilitadas as axudas e medidas para garantir a recollida da uva na Ribeira Sacra anunciadas pola Xunta de Galicia no Consello do 2 de setembro".

Por iso, moitas persoas viticultoras estanse vendo obrigadas a "malvender a prezos por debaixo de custos de produción e outras seguen sen ter ningunha saída para a súa uva", explican.

Os viticultores e viticultoras pregúntanse que está a pasar cos anuncios do representante de AGACAL ou coas promesas da Xunta, "que até o momento só tiveron como resultado real desmobilizar o sector".

Máis de quince días despois do anuncio da Consellaría do Medio Rural (CMR) da creación dunha mesa de traballo con participación das organizacións agrarias que non realicen mobilizacións, "non só non temos coñecemento de ningún resultado, senón que ademais non nos consta sequera que volveran xuntarse para traballar”, explica Xosé Manuel Parente, coordenador do sector vitivinícola no SLG.

Con todo, rematan dicindo que a Ribeira Sacra "está vivindo unha situación dramática. Está en perigo a supervivencia de máis de medio milleiro de viticultores e viticultoras que ven como os seus proxectos de vida, os seus viñedos, a súa vida no rural, nos pobos e aldeas dunha paraxe tan fermosa como a Ribeira Sacra, está tocando fin”, alerta Xosé Manuel Parente.

0.12438917160034