‘Descubrir Quiroga’ levará ao colexio unha xornada para coñecer produtos locais e música tradicional

RibeiraSacraXa
A actividade celebrarase o 6 de novembro dentro do horario lectivo e permitirá ao alumnado coñecer o traballo de Caurelor e experimentar con instrumentos tradicionais da man da Fundación Legar
instrumentos-pandeiretas
4 Oct 2026

O programa de dinamización turística ‘Descubrir Quiroga’ trasladará parte das súas actividades ao colexio do municipio o vindeiro 6 de novembro, cunha proposta dirixida ao alumnado e integrada no horario lectivo.

A xornada contará coa participación de Caurelor, que realizará unha presentación para dar a coñecer o seu traballo e achegará diferentes produtos para que os nenos e nenas poidan coñecelos directamente.

A programación incluirá tamén unha actividade da Fundación Legar centrada na música tradicional galega. A entidade presentará diferentes instrumentos, explicará as súas características e o seu funcionamento e ofrecerá ao alumnado a oportunidade de tocalos xunto cos seus integrantes.

A proposta busca achegar aos nenos e nenas diferentes recursos e elementos vinculados ao territorio a través dunha actividade práctica e participativa dentro do propio centro educativo.

0.1639039516449