Derradeiros días para apuntarse ao mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón ultima os preparativos da segunda edición do seu Mercado de Nadal, unha iniciativa que o ano pasado tivo boa acollida tanto de público como de participación e que agora repite formato ampliado. A cita terá lugar os días 5 e 6 de decembro na Praza do Concello, aínda que se a climatoloxía non acompaña, trasladarase ao Pavillón Municipal. O horario previsto para ambas as xornadas será de 11.00 a 19.00 horas.
Este mercado súmase á programación nadalega que o consistorio organiza cada ano para as familias do municipio. Segundo explicou o alcalde, José Luis Álvarez, a experiencia do ano anterior animou ao goberno local a manter esta proposta: "Despois da excelente acollida do pasado ano renovamos o noso compromiso coa dinamización social, cultural e económica do municipio". O rexedor engadiu que estas datas supoñen unha ocasión especial para encher de vida as rúas do municipio e reforzar os lazos veciñais.
Alén da súa vertente festiva, o evento busca converterse nun punto de apoio para a economía local, dando visibilidade ao comercio de proximidade, ao sector artesanal e aos produtos elaborados no municipio.
A organización do espazo resolverase o propio sábado 5 de decembro ás 08.00 horas, momento no que se asignarán os postos de artesanía, alimentación, antigüidades, decoración e xoguetes, entre outras categorías, na Praza do Concello.
Poderán presentar a súa candidatura todas aquelas persoas que desenvolvan unha actividade económica vinculada á temática do mercado, xa sexa no ámbito da decoración nadalega, as antigüidades, a artesanía, a alimentación, os xoguetes ou os complementos. Cada participante deberá achegar o seu propio posto e o material necesario para montalo, mentres que o Concello encargarase de habilitar puntos de luz e un servizo de seguridade durante as horas de peche.
Quen desexe participar debe presentar a súa solicitude na Casa da Cultura ou a través da sede electrónica municipal, acompañada da seguinte documentación: o modelo de solicitude cuberto (Anexo I), unha memoria con fotografías do produto que se pretende vender, fotocopia do DNI e xustificante de alta no imposto de actividades económicas.
Os postos admitidos comunicaranse por correo electrónico ao enderezo facilitado na solicitude, e a relación tamén se fará pública no taboleiro de anuncios do Concello.