Declara no Xulgado a muller que denunciou a José Tomé por presunto acoso sexual

GaliciaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa
A denunciante ratificou as acusacións e tamén prestaron declaración a súa nai e unha amiga que asegura ser testemuña dos feitos
José-Tomé-bus-rural-denuncias-acoso-sexual
20 May 2026

A muller que denunciou a José Tomé por un presunto caso de acoso sexual declarou por primeira vez no Xulgado de Instrución número 3 de Lugo.

Nesta primeira sesión compareceron tanto a denunciante como a nai da suposta vítima e unha terceira testemuña, amiga da moza, que asegurou presenciar parte dos feitos investigados.

O avogado da denunciante, Luis Pena, explicou tras a vista que a súa clienta se reafirmou nas acusacións presentadas, centradas principalmente en presuntas ofertas de traballo a cambio de favores sexuais por parte do alcalde de Monforte de Lemos e expresidente da Deputación de Lugo.

Segundo indicou o letrado, a repercusión pública do caso estaría favorecendo que aparezan outras posibles vítimas, aínda que polo momento non consta oficialmente a presentación de novas denuncias nin se sabe se outras persoas poderán ser chamadas a declarar. Pena sinalou que esa decisión dependerá da xuíza instrutora.

O avogado tamén sostivo que durante a declaración quedou ratificado non só o relato dos feitos denunciados, senón tamén que responsables do PSdeG-PSOE a nivel galego terían coñecemento da situación e que, segundo afirmou, a canle interna de denuncias do partido “non está funcionando como debería”.

Durante as declaracións estiveron presentes os avogados de José Tomé, que evitaron realizar manifestacións públicas mentres o procedemento continúe na fase de instrución.

Tras esta primeira sesión, a xuíza deberá determinar agora se aprecia indicios de delito para continuar co procedemento xudicial contra o rexedor monfortino. Tamén queda pendente coñecer se serán citadas outras mozas para declarar e se o propio José Tomé comparecerá ante o xulgado.

0.11702609062195