CXT denuncia a situación do SAF de Chantada e as irregularidades da empresa Samain

RibeiraSacraXa
CXT denuncia a situación do SAF de Chantada e as irregularidades da empresa Samain, que se ve beneficiada "do mal servizo"
saf chantada
saf chantada
1 Mar 2023

O sindicato Central Xeral de Traballadoras (CXT) presentou un escrito ao Concello de Chantada "ante a grave situación na que se encontra o servizo de axuda no Fogar en Chantada", explican.

Neste escrito, piden ao alcalde que convoque a Mesa de Seguimento da subrogación do Servizo de Axuda no Fogar concedido á empresa Samain "pola violación constante de dereitos das traballadoras, polas sucesivas irregularidades, incumprimentos, baixa calidade do servizo e insuficiente persoal para atender e coordinar o servizo como merecen as persoas usuarias e as traballadoras", denuncian.

Así, din que a pesar de estar denunciadas estas irregularidades, o Concello de Chantada "non fai nada ao respecto".

Explican que todas as tarefas que deben asumir as dúas persoas ou, nalgunhas situacións, unha soa persoa, "provoca que o traballo non se poda facer de xeito adecuado", á vez que se incrementan os beneficios da empresa concesionaria Samain, filial de Clece.

Por todo isto, piden ao goberno municipal que "faga o seu traballo e convoque a mesa de seguimento desta subrogación" para que "se recupere o servizo para o concello, eliminando a concesión e aplicando as sancións pertinentes á empresa Samain por todas estas ilegalidades".

Conclúen que a intención é que "se preste un servizo público de calidade, máis barato para todas as veciñas do concello e deixando de dilapidar diñeiro público de todas e todos que parece non importarlle a este alcalde e o seu goberno".

0.18901610374451