Curso sobre a utilización de desfibriladores en Chantada

RibeiraSacraXa
Chantada acolle un curso sobre a utilización de desfibriladores externos dirixido a voluntarios e voluntarias de Protección Civil.
curso Chantada
30 Oct 2021

Chantada acolle un curso sobre a utilización de desfibriladores externos dirixido a voluntarios e voluntarias de Protección Civil. En concreto, participan 24 integrantes da agrupación do municipio e máis das de Sarria, Becerreá e Nogueira de Ramuín.

A Academia Galega de Seguridade Pública -que depende da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo- retoma a formación presencial para as Agrupacións de Protección Civil logo de que o pasado ano estivera suspendida pola pandemia, circunstancia que paliou na medida do posible con convocatorias de cursos en liña.

Así, o pasado sábado celebrouse un curso similar en Folgoso do Courel, tamén para 24 voluntarios desta agrupación xunto coas de Lourenzá, Ribas de Sil, Cervantes e Ribeira de Piquín.

Trátase de xornadas de cinco horas de formación, eminentemente prácticas, nas que adquiren os coñecementos necesarios para o manexo dos desfibriladores externos co fin de acurtar os tempos para realizar unha reanimación cardiopulmonar e aumentar así as taxas de supervivencia.

A Academia tamén imparte formación á Policía Autonómica, corpos de Policía Local de Galicia, Policía Nacional, Garda Civil, Grupos de Emerxencias Supramunicipais, bombeiros e outros colectivos en materia de seguridade.

0.18220496177673