Cruce de reproches entre PP e BNG pola ponte do Malecón de Monforte

O proxecto da nova ponte sobre o río Cabe ao seu paso polo Malecón de Monforte de Lemos volveu situarse no centro do debate político tras o intercambio de acusacións entre o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Popular (PP), con posicións enfrontadas sobre a súa idoneidade e tramitación.
Por parte do BNG, o deputado Iago Suárez esixiu á Xunta de Galicia a rectificación e a paralización do proxecto, ao que cualifica de “inxustificable” e “demoledor” para a contorna natural e patrimonial da vila. Suárez criticou a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura, que interpreta como “conivencia” do PP cunha actuación que, segundo afirmou, conta co rexeitamento da veciñanza.
O deputado nacionalista sostivo que a actuación prevé a substitución da actual pasarela peonil por unha estrutura metálica que permitiría o tráfico rodado no espazo do Malecón, cun orzamento superior aos 5 millóns de euros. Segundo explicou, o proxecto contempla ramplas de ata tres metros de altura que “alterarán completamente a marxe do río e fragmentarán o parque do Malecón”.
Suárez tamén cuestionou a xustificación da obra por parte do alcalde de Monforte, José Tomé, ao asegurar que o obxectivo de pechar o tráfico sobre a ponte vella podería resolverse con cambios de sentidos de circulación. Ademais, apuntou á existencia de estudos que indican que a circunvalación está infrautilizada.
O BNG advertiu tamén de posibles afeccións ao dominio público hidráulico e á zona de servidume do río, e solicitou a intervención da Xunta para evitar a execución do proxecto. “Nin ponte nin fonte”, concluíu o deputado.
Pola súa banda, o Partido Popular de Monforte, a través da súa voceira Katy Varela, rexeitou as acusacións do BNG e acusou a formación nacionalista de empregar a infraestrutura para “buscar rédito político”. Varela asegurou que o PP “sempre se opuxo á construción” da ponte e considerou que non é a solución axeitada para os problemas de mobilidade da zona.
A voceira popular criticou tamén as declaracións de Iago Suárez por responsabilizar á Xunta do proxecto, sinalando que a competencia corresponde ao goberno local. Neste sentido, afirmou que “o único responsable do planeamento de mobilidade e das obras que executa o goberno local de Monforte é José Tomé”.
Varela defendeu que a Dirección Xeral de Patrimonio actúa con criterios técnicos e rexeitou calquera insinuación sobre falta de obxectividade nos informes. Ademais, acusou ao BNG de manter unha estratexia conxunta co PSOE para tentar prexudicar ao PP no ámbito municipal.