Coureleando organiza unha nova ruta polos “Zufreiros del Frade” na contorna do Lago de Carucedo

Coureleando organiza unha nova actividade de natureza para o domingo 14 de xuño: a ruta dos “Zufreiros del Frade”, nome popular co que se coñecen as sobreiras nesta zona. Trátase dun roteiro circular de nivel medio que partirá do Lago de Carucedo, no entorno das Médulas, e que combinará bosque mediterráneo e vistas ao canón do Sil.
A ruta discorrerá por un espazo natural no que destacan aciñeiras, érvedos e sobreiras de gran porte, que conducirán ata os arredores do desfiladeiro do Estreito, unha zona que actúa como fronteira natural entre Galicia e O Bierzo. Ao longo do percorrido, as persoas participantes poderán gozar tamén de panorámicas sobre as Médulas, o Parque Natural da Enciña da Lastra e a contorna montañosa da zona, ademais de posibles avistamentos de aves como voitres e aguias.
Segundo a organización, trátase dunha saída de mañá pensada para un nivel medio, cun total de 10,5 quilómetros e un desnivel positivo de 516 metros, estimándose unha duración aproximada de catro horas.
O punto de encontro será no Bar Fernando III, fronte ao hospital do Barco de Valdeorras, ás 09:30 horas. A actividade terá un custo de 20 euros por persoa e contará cun máximo de 10 prazas. As inscricións realízanse a través de WhatsApp no número 626 64 30 21.
Dende Coureleando sinalan que é recomendable o uso de bota de monte ou calzado de trail, roupa cómoda, auga e gorra para o sol, así como repelente de insectos e cámara ou móbil para fotografía. Tamén se recomenda levar material adicional en función das condicións meteorolóxicas.
A ruta estará guiada por Guillermo Díaz Aira, técnico deportivo de media montaña, que acompañará ao grupo durante todo o percorrido.