Coureleando organiza dúas novas rutas esta fin de semana

RibeiraSacraXa
As propostas percorrerán a contorna de Formigueiros e Seceda os días 22 e 23 de agosto
Seceda-Folgoso-do-Courel-portada
20 Aug 2026

Coureleando organiza esta fin de semana dúas novas rutas pola serra do Courel, previstas para o sábado 22 e o domingo 23 de agosto. As actividades contarán con oito prazas cada día e terán un prezo de 20 euros por persoa.

A primeira proposta, para o sábado 22, levará aos participantes desde Moreda ata Formigueiros pola súa arista norte, nun percorrido circular de 12 quilómetros e con 1.000 metros de desnivel positivo e outros tantos negativos. A ruta, denominada Rogueira e Formigueiros, presenta unha dificultade media-alta e está pensada para camiñantes habituados.

O itinerario ascenderá polas Cabanas para chegar a Formigueiros pola arista norte e posteriormente descenderá pola ruta habitual da Devesa, pasando polas fontes. O percorrido inclúe algúns tramos sinxelos de trepada en rocha e permitirá coñecer a paisaxe, a xeoloxía e a flora da Rogueira. O tempo estimado para completar a actividade é de seis horas como máximo.

Para o domingo 23 está prevista unha ruta circular de media xornada por Seceda. O percorrido combinará a visita a un xacemento de fósiles de orixe mariña con 416 millóns de anos de antigüidade, alvarizas, unha fervenza e un bosque de ribeira. A actividade terá unha distancia aproximada de 6-7 quilómetros, 400 metros de desnivel positivo e discorrerá por antigos carreiros do Courel. A duración máxima estimada é de tres horas e media.

A organización establece como material obrigatorio levar botas de monte ou zapatillas de trail, roupa cómoda e axeitada ás condicións meteorolóxicas, bebida e gorra para o sol. Os bastóns están recomendados. Para a ruta do sábado tamén se recomenda levar algo para comer, aínda que ao remate existe a posibilidade de parar a comer todos xuntos.

O punto de encontro para as dúas xornadas será o Bar Pombo de Seoane do Courel ás 09.30 horas e ambas rutas estarán guiadas por Guillermo Díaz Aira, técnico deportivo de Media Montaña.

0.13974905014038