Coureleando estreará este sábado unha nova por Visuña

RibeiraSacraXa
A proposta, deseñada por Guillermo Díaz Aira, percorrerá 18 quilómetros entre o Alto do Couto, Visuña e Cruces, con 923 metros de desnivel positivo
Coureleando
25 Aug 2026

Coureleando estrea este sábado, 29 de agosto, unha nova ruta polo Courel deseñada por Guillermo Díaz Aira para descubrir espazos pouco frecuentados polos visitantes e camiños de uso habitual da veciñanza de Visuña.

O itinerario partirá do Alto do Couto e pasará baixo da Pena das Aigas antes de descender cara aos diferentes barrios que forman a aldea de Visuña. Desde alí, o percorrido continuará ata Cruces, no límite co Bierzo, para regresar posteriormente ao Alto do Couto pola cordal que separa as provincias.

A ruta presenta un especial interese paisaxístico e xeolóxico, xa que atravesará devesas e paraxes afastadas das rutas habituais do Courel. O percorrido permitirá tamén coñecer vestixios da actividade mineira, elementos da xeoloxía da zona e espazos nos que aínda se conserva parte da paisaxe agrícola tradicional. A organización destaca ademais a presenza de fauna como o oso e o lobo nestes territorios.

Un dos principais atractivos da proposta serán as Taras de Visuña, desde onde se poderá contemplar a paisaxe do val. A actividade está pensada para realizarse sen présas, por camiños e pistas anchas de uso veciñal.

O itinerario terá carácter circular, cunha distancia de 18 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 923 metros, aos que se sumará outro tanto de desnivel negativo. A dificultade está considerada media-alta, principalmente pola pendente acumulada, e o tempo máximo estimado para completar o percorrido é de sete horas.

Ao tratarse dunha actividade de xornada completa, a organización recomenda levar calzado de montaña ou zapatillas de trail, roupa cómoda adaptada ás condicións meteorolóxicas, bebida e gorra para o sol. Tamén se recomenda o uso de bastóns e levar algo de comida para o percorrido, así como un botiquín persoal no caso de ser necesario.

A saída está prevista ás 9.30 horas desde o Bar Pombo de Seoane do Courel. A actividade contará con 12 prazas e terá un prezo de 20 euros por persoa. As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través de WhatsApp no teléfono 626 64 30 21. O guía da ruta será Guillermo Díaz Aira.

0.1543071269989