Coureleando estrea unha nova ruta polo Camiño Vello a Pacios da Serra

Coureleando organiza o vindeiro 11 de outubro unha nova ruta polo Camiño Vello a Pacios da Serra, unha proposta para percorrer diferentes elementos do patrimonio e da paisaxe desta zona do Xeoparque Montañas do Courel e rematar a xornada cun xantar na cantina O Foguete.
A actividade terá como punto de encontro o exterior do albergue de Quiroga, ás 09.30 horas. Desde alí, as persoas participantes desprazaranse ata Barxas, onde comezará o percorrido.
A ruta, de dificultade media, discorrerá inicialmente pola beira dos ríos de Pacios e Quiroga en dirección á Casa do Vello. A partir deste punto tomarase o antigo camiño que conduce cara a Pacios da Serra, atravesando zonas de bosque e soutos.
Durante o itinerario está prevista a visita á Ferrería de Paleiras e o paso por outros elementos da contorna. O percorrido terá 10 quilómetros e 600 metros de desnivel positivo, cun tempo máximo estimado de catro horas.
A actividade será de media xornada e estará condicionada pola climatoloxía. A organización advirte de que, en caso de mal tempo, a ruta non poderá realizarse.
As persoas participantes deberán levar botas de monte ou zapatillas de trail, roupa cómoda e adecuada ás condicións meteorolóxicas e gorra para o sol. Tamén se recomenda levar bastóns e un botiquín persoal se fose necesario.
A ruta contará con nove prazas e as inscricións poden realizarse a través de WhatsApp no número 626 643 021. O prezo da ruta é de 16 euros e o xantar no Foguete ten un custo de 30 euros. A actividade estará guiada por Guillermo Díaz Aira, técnico deportivo de Media Montaña.