Convocado o XII Concurso de Carteis da XXII Feira Outrora de Rubián

RibeiraSacraXa
O prazo de presentación remata o 20 de maio
feira-outrora-rubian-2025
4 May 2026

O Concello de Bóveda vén de facer públicas as bases do XII Concurso de Carteis da XXII Feira Outrora de Rubián, unha convocatoria destinada a seleccionar a imaxe oficial desta cita que recrea un mercado tradicional galego.

O certame propón como tema a recreación dun mercado tradicional de finais do século XIX ata mediados do século XX. Poderán participar todas as persoas que o desexen, agás as gañadoras dos dous últimos anos. As obras deberán ser inéditas, orixinais e de creación propia. No caso de menores de 16 anos, será necesaria a autorización de nai, pai ou titor/a legal.

Os carteis deberán incluír obrigatoriamente o texto “XXII Feira ‘Outrora’ / Rubián. Bóveda / 14 de xullo de 2026”, podendo o autor ou autora distribuír este contido no deseño ao seu criterio. O prazo de presentación remata o 20 de maio de 2026 ás 15:00 horas. A técnica empregada será libre.

O concurso establece un único premio de 500 euros que se outorgará ao cartel gañador, o cal será a imaxe oficial da feira. O xurado estará presidido pola concelleira de Cultura e integrado polas persoas que esta designe. A organización reserva a posibilidade de declarar o premio deserto se as obras presentadas non acadan a calidade considerada axeitada.

Na valoración teranse en conta aspectos como a relación coa temática da feira, a creatividade, o impacto visual, a calidade técnica e artística, a orixinalidade e o uso das cores e da tipografía.

Ademais, o Concello de Bóveda poderá expoñer ou reproducir os carteis presentados, sen que isto supoña ningún tipo de compensación económica para as persoas participantes.

0.1163969039917