Contacontos, maxia e paiasos na programación de Nadal para os cativos en Chantada

RibeiraSacraXa
O Concello de Chantada a través da Concellería de Cultura prepara unha completa programación para compartir en familia durante este Nadal.
16 Dec 2023

O Concello de Chantada a través da Concellería de Cultura prepara unha completa programación para compartir en familia durante este Nadal. A primeira cita é o mércores, 20 de decembro, na biblioteca municipal. A partir das 17:00h acolle a actividade para público infantil, Chegou o Nadal con Gemola.

O auditorio municipal será o escenario de catro interesantes propostas. O día 22 de decembro ás 19.30h acollerá a visita da Apalpadora, encontro ó que se convoca a toda a cativada do municipio. A Apalpadora chega das montañas do Courel para ver como se alimentan cativos e cativas, virá acompañada cos seus tradicionais xogos de madeira e as súas marabillosas lendas.

Para o día 26 de decembro a partir das 19.00 hotas, a cita será con Contacontos Elas de Vero Rilo, espectáculo de narración oral, no que a igualdade ten un importante papel. Golden Magic, un elfo traveso visitará o auditorio, o día 28 ás 19.00 horas, cun espectáculo de maxia nunha fábrica de agasallos.

Campamentos e obradoiros

Xa para o 2 de xaneiro, tamén ás 19.00 horas contarase con Patruyasos e o seu espectáculo de clown para mergullarse en mundos de fantasías cheos de risas. Da man de Velaísca, entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, desenvolveranse os campamentos e talleres creativos para axudar á conciliación neste Nadal.

Para participar nestas actividades pódense inscribir na casa da cultura ata o 19 de decembro. Os Campamentos de Nadal destínanse a nenos de entre 3 e 12 anos. Celebraranse no pavillón municipal en horario de 10:00 a 14.00 os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro. Inclúe servizo de madrugadores en horario de 8.00 a 10.00 horas.Nas mesmas xornadas desenvolveranse os Talleres Creativos. Estas actividades terán lugar na casa da cultura en horario de 12.00 a 13.30 e destínanse a rapazas e rapaces de 10 a 12 anos.

0.15786790847778