Conde anuncia "un camiño para que Lugo sexa protagonista no cambio que liderará Feijóo"

O cabeza de lista ao Congreso do Partido Popular pola provincia de Lugo, Francisco Conde, asegurou que “comeza o camiño para que Lugo sexa protagonista do cambio que liderará Feijóo en España” durante o acto de inicio de campaña cara ás eleccións xerais do vindeiro domingo 29 de novembro no que participaron membros da candidatura do PP lucense ás Cortes Xerais e no tamén interviron o nº1 ao Senado, José Manuel Barreiro, e a presidenta provincial, Elena Candia.
O candidato popular sinalou que “o Partido Popular ten proxecto para España e para Lugo” e, nos vindeiros días, continuaremos a achegarnos aos lucenses para trasladar as propostas de Alberto Núñez Feijóo, “un candidato que coñece ben Lugo e que os lucenses coñecemos ben: un candidato con experiencia de xestión que aporta seriedade e devolverá a estabilidade ao Goberno de España”.
Conde asegurou que “os candidatos por Lugo traballaremos na defensa da igualdade de oportunidades para a nosa provincia” en materia de servizos, infraestruturas, desenvolvemento económico, apoio aos nosos sectores produtivos e oportunidades de futuro.
José Manuel Barreiro fixo balance do Goberno de Sánchez nestes oito anos: “de escándalos de corrupción a nivel nacional e de abandono a Lugo e á provincia”. Así, de cara ao vindeiro domingo 29 de novembro, explicou que “os lucenses temos a oportunidade de elixir entre sanchismo ou un proxecto de cambio para a reconstrución nacional e devolver a estabilidade ao Goberno de España da man dun líder con experiencia de xestión, como é Alberto Núñez Feijóo”.
O nº1 ao Senado subliñou que “estes anos foron anos perdidos para España; pero, especialmente, para a provincia de Lugo” tendo en conta que “non fixo nada do comprometido”: nin en materia de infraestruturas viarias -toda vez que a A-54 continúa sen rematar e o resto de autovías paralizadas- ou ferroviarias – porque lonxe de mellorar os servizos, continuamos fóra da alta velocidade e perdemos frecuencias e o FEVE da Mariña está abandonado-, nin en materia industrial -porque continúa sen garantir a viabilidade de Alcoa-. Barreiro tamén lembrou outros prexuízos do Goberno de Sánchez coa cidade de Lugo á que lle negou a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública e axuda con fondos do 2% Cultural deste ano para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando.
O popular explicou que “tanto o PSOE coma o BNG son corresponsables do abandono, de todos os incumprimentos, da perda de servizos e frecuencias ferroviarias e, tamén, das continuas subidas de impostos que o Goberno foi aplicando ás familias”. De feito, subliñou: “nunca de tantos recursos dispuxo o Estado a costa dos propios cidadáns e nunca tan pouco chegou ás familias debido ao contexto de suba de prezos coma o da cesta da compra ou o da vivenda”. E incidiu en que “a única alternativa para garantir un cambio de Goberno é o Partido Popular”.
CANDIA: “LUGO NON LLE DEBE NADA A SÁNCHEZ, QUE INCUMPRE TODO”
Elena Candia asegurou que “Lugo non lle debe nada a Sánchez” porque “incumpre todo” como, por exemplo, o remate da autovía a A-54. Tampouco repuxeron as frecuencias ferroviarias eliminadas pola pandemia, Lugo segue desconectada da alta velocidade e discriminada en materia industrial.
Despois de oito anos sufrindo a discriminación por parte dun Goberno apoiado polo PSOE e polo BNG en Madrid, “é o momento do cambio”, subliñou. E explicou que “tanto o PSOE coma o BNG son aliados de Sánchez e responsables do abandono do Goberno a Lugo. Cada vez que tiveron que elixir, elixiron a Sánchez en lugar de elixir a Lugo”. Polo tanto, incide en ter en conta nas urnas que “o Partido Popular é a única garantía para cambiar esta situación e apostar por Lugo e polo que os lucenses merecemos. España necesita a Alberto Núñez Feijóo, un candidato con dilatada experiencia, e Lugo necesita un Goberno estable, sensible coas nosas necesidades e que cumpra”.
A presidenta subliñou, ademais, que “o noso proxecto se atopa forte na provincia” á vista de que “o 65% da poboación conta cun alcalde ou alcaldesa do Partido Popular”. Así mesmo, lembrou que “nas últimas eleccións xerais a nosa provincia alcanzou o mellor resultado para o Partido Popular en España” e que, nesta campaña, co apoio de todos e todas “seremos capaces de trasladar o noso proxecto” para “conseguir a confianza dos lucenses e manter a nosa representación tanto no Congreso coma no Senado”.