Comezaron en Quiroga unhas xornadas formativas gratuítas centradas na administración electrónica

RibeiraSacraXa
Ao longo de tres sesións, a veciñanza poderase achegar ao uso das ferramentas dixitais necesarias para relacionarse coas administracións públicas
curso-dixitalizacion-quiroga
3 May 2026

O Concello de Quiroga comezou esta semana unhas xornadas formativas gratuítas centradas na administración electrónica, dirixidas a achegar á veciñanza o uso das ferramentas dixitais necesarias para relacionarse coas administracións públicas.

O curso, de carácter presencial e cunha duración total de oito horas, desenvólvese na alula CeMIT da Casa da Cultura e busca que as persoas participantes adquiran coñecementos básicos para realizar xestións en liña e manexar sistemas de identificación dixital con autonomía.

A formación estrutúrase en tres sesións. Na primeira abordáronse cuestións xerais sobre a administración electrónica e trámites habituais, como a consulta de notificacións na carpeta cidadá ou a solicitude de documentos como a vida laboral, certificados de empadroamento e xestións coa Axencia Tributaria ou a Seguridade Social.

A segunda xornada céntrase no ámbito sanitario e na identificación dixital. Entre os contidos previstos están o uso da aplicación Sergas Móbil, así como o funcionamento de servizos de atención sanitaria a distancia como É-saúde e TELEA. Ademais, explícanse diferentes sistemas de identificación electrónica, entre eles o certificado dixital, o DNI electrónico ou a Chave 365.

A última sesión estará dedicada á seguridade e ás operacións en liña, con especial atención aos pagamentos dixitais, a protección da privacidade e a xestión da pegada dixital nos dispositivos.

Estas xornadas combinan explicación teórica con práctica e forman parte dun programa impulsado por organismos estatais no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos europeos NextGenerationEU.

0.12416005134583