Comezan os arranxos da ruta da lagoa da Lucenza, en Quiroga

RibeiraSacraXa
Comezan os arranxos da ruta da lagoa da Lucenza, no concello de Quiroga para subsanar os danos causados polos incendios do pasado verán
lagoa Lucenza Quiroga
lagoa Lucenza Quiroga
7 Dec 2022

Veñen de iniciarse no concello de Quiroga as obras de reparación e acondicionamento dos danos causados polos incendios do pasado verán na ruta da Lagoa da Lucenza.

O incendio que afectou á senda da ruta da Lucenza que vai dende o núcleo de a Seara ata a lagoa, queimou tódolos sinais informativos e tamén danou o trazado polo paso das máquinas e equipos de extinción de incendios que actuaron na zona.

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia aportará uns 16.000 euros que servirán para a reparación da plataforma, a sinalización da ruta, a recuperación de elementos danados e a colocación de novas sinais informativas e interpretativas que permitan a mellor comprensión do medio natural desta ruta.

Nesta ruta homologada (PR-G 184) pintarase unha nova sinalización mediante franxas paralelas e de distinta cor (branca e amarela) aproximadamente cada 50 metros, farase un refino e planeo do camiño coa correspondente apertura de cunetas, e colocarase unha mesa interpretativa conforme a indicacións do manual de sinalización turística da Xunta de Galicia, así como frechas indicativas de madeira tratada. O Concello de Quiroga aproveitará tamén para mellorar o inicio da ruta dentro do núcleo da Seara onde se colocará un pequeno tramo de formigón.

Con estes traballos permitirase o acceso dos visitantes para que sigan utilizando este percorrido que conta cun alto valor ecolóxico, etnográfico, xeolóxico e paisaxístico, dando a coñecer o lugar mediante a sinalización de elementos ou lugares de interese. Todos estes traballos axudan a coñecer e acceder a zonas de alto valor dentro da Rede Natura do Concello de Quiroga.

A Ruta PR-G 184

A Ruta da Lagoa da Lucenza, iniciase no pobo da Seara, e ascende polo val de Forgas, pasando polas fervenzas de Fócaro e de Navarega, hasta chegar á Lagoa da Lucenza, de orixe glaciar e cuxa antigüidade remóntase ao pleistoceno. Séguese ascendendo ata a Campa da Lucenza, a uns 1500 m de altitude, e enlázase con unha pista que recorre a parte alta de estas montañas. Ao chegar ás proximidades do Alto de Formigueiros, desvíase por un sendeiro que nos levará de volta á Seara pola outra ladeira do val de Forgas.

A lagoa da Lucenza de orixe glaciar é unha paraxe emblemática do Xeoparque Montañas do Courel situada a unha altura de 1.440 metros, duns setenta metros de diámetro e unha profundidade dun metro, que se enche grazas as augas pluviais do monte Formigueiros.

0.20797300338745