Comezan en Bóveda as reunións dos titulares das parcelas do polígono agroforestal

RibeiraSacraXa
Comezan no concello de Bóveda as reunións dos titulares das parcelas do polígono agroforestal coa empresa Proyestegal
parcela
3 Oct 2022

O concello de Bóveda informa de que a partir de esta semana, terán lugar as reunións entre os titulares das parcelas do polígono agroforestal e a empresa Proyestegal.

A partir de hoxe e os días 4, 6, 7, 10, 11 e 13 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e os martes 4 e 11 en horario de 16.30 a 18.30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, a empresa Proyestegal realizará os traballos de recollida das declaracións de adhesión das persoas titulares das parcelas do polígono agroforestal.

Aquelas persoas que o precisen tamén poderán ser informadas sobre os procedementos a levar a cabo no desenvolvemento deste proxecto. Máis adiante, faranse tamén reunións para as persoas interesadas que non sexan propietarias.

O proxecto que na actualidade atópase en fase de actuacións previas, porá en valor case 52 hectáreas de terreo no concello de Bóveda. Dividirase nun total de 292 parcelas que corresponderán a 200 propietarios.

Esta iniciativa ponse en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona.

O obxectivo principal é dinamizar o territorio e xerar actividade económica, para facilitar que siga sendo posible vivir no e do rural e para anticiparse aos lumes, evitando que se rexistren e diminuíndo o seus efectos.

Este polígono agroforestal centrarase en potenciar os tres usos do chan (agrario, gandeiro e forestal). A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto.

0.16899800300598