Comezan as actividades do 'Programa Deportivo de Verán do Concello de Monforte 2024'

RibeiraSacraXa
Aínda hai prazas dispoñibles para participar no Campamento Deportivo de Verán nas segunda e terceira quincenas que se ofertan
cartel-Programa-Deportivo-de-Verán-Monforte
cartel-Programa-Deportivo-de-Verán-Monforte
2 Xul 2024

Comezan as actividades do 'Programa Deportivo de Verán do Concello de Monforte 2024' co Campamento Deportivo de Verán, no que participan, ata o 15 de xullo, 106 nenos e nenas.

En total, nas tres quincenas deste Campamento Deportivo de Verán anotáronse 298 persoas, polo que para a segunda e terceira quincenas, aínda quedan prazas libres (62 prazas, do total de 360 ofertadas). Os interesados en inscribirse nestas prazas libres, deberán facelo nas oficinas municipais de Las Casitas.

O Campamento Deportivo de Verán desenvolvese, por quinto ano consecutivo, nun período de tempo máis amplo do habitual, do 1 de xullo ao 14 de agosto. Deste xeito, son tres quincenas, cun total de 32 días de actividade, 2 días máis que o ano pasado. A primeira quincena, é do 1 ó 15 de xullo, a segunda, do 16 ó 31 de xullo e a terceira, do 1 ó 14 de agosto, sempre de luns a venres, non festivos, de 10 a 14 horas.

Para poder participar será requisito imprescindible estar empadroados no Concello de Monforte. No caso de que o neno non estea empadroado no Concello de Monforte poderá participar se está empadroado algún dos seus proxenitores (pai ou nai) ou algún dos seus avós. O número total de prazas ofertadas é de 360, e por quenda será de 120 prazas distribuídas en 12 grupos de traballo, o que establece unha ratio de 10 alumnos por monitor.

Das prazas ofertadas por quenda, resérvanse 6 prazas para persoas con discapacidade superior ou igual ó 33 % e 8 prazas que se poñen a disposición dos Servizos Sociais do Concello de Monforte.

As actividades ofertadas combinarán accións multideportivas con obradoiros variados, e excursións diversas. As actividades levaranse a cabo na área deportiva da Pinguela.

Máis actividades de verán en Monforte

O Programa Deportivo de Verán conta ademais con outras actividades deportivas, como o XVIII Campus de Fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo, que con esta suma xa 18 edicións, celebrarase entre o 29 de xullo e o 2 de agosto no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas. Para este Campus xa non hai prazas dispoñibles, cubríndose as 100 que se ofertaban. Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos, que se distribuirán en 6 grupos de traballo.

Por outra parte, os Cursos de natación na Piscina climatizada municipal están dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas e terán lugar durante os meses de xullo e agosto. Haberá cursos intensivos de 15 días con clases de luns a venres para categorías infantil e nenos, e cursos mensuais de dous días á semana para bebés, adultos e ximnasia acuática.

Para levar a cabo as inscricións nalgún dos cursos ofertados, as persoas interesadas deberán acudir á piscina climatizada municipal: as persoas aboadas a partir do 19 de xuño, e a partir do 24 de xuño, as non aboadas. Estes cursos de natación contarán cun total de 308 prazas, fronte ás 300 ofertadas o ano pasado, é dicir, son 8 prazas máis.

Finalmente, os Cursos de Tenis, que foron incluídos por primeira vez no ano 2022, desenvólvense 1 de xullo e o 14 de agosto, distribuídos en 3 quendas, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto. En total son 54 prazas, dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, e actualmente tamén quedan prazas dispoñibles. As clases teñen lugar nas Pistas de Tenis municipais da Pinguela e levaranse a cabo os martes e os xoves non festivos, con clases de 1 hora de duración.

O rexedor recorda que “dende o Equipo de Goberno, decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas cada ano, especialmente no período estival, ademais para ofrecer ós nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida e saudable. O noso obxectivo é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar das súas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.

0.18906688690186