Comeza o acondicionamento da estrada provincial de Sober a Doade

RibeiraSacraXa
Comeza o acondicionamento da estrada provincial de Sober a Doade, cunha chega da Deputación de Lugo de 120.000 euros
mellora estradas RS
mellora estradas RS
26 ago 2022

A Deputación de Lugo está a realizar esta semana o estendido de aglomerado en quente para a mellora da estrada provincial LU-P-5903, que conecta Sober e Doade. Uns traballos enmarcados no proxecto de mellora no que a institución investirá preto de 120.000 euros para renovar o treito comprendido entre os puntos quilométricos 13,740 e 14,480.

O aglomerado da vía deu comezo tras quedar rematadas as tarefas de ampliación do seu ancho, a drenaxe e o seu afirmado.

A institución provincial leva destinado neste mandato un total de 355.000 euros á estrada de Sober a Doade, pois ás obras que se están acometendo, súmanse as melloras xa rematadas no tramo que vai do quilómetro 13 a 13,740 por un importe de 100.000 euros, e as recén adxudicadas pola Xunta de Goberno por 133.000 euros para obras á altura do núcleo de Vilachá.

Con respecto ao proxecto que está en marcha na actualidade, consiste na ampliación da plataforma ata conseguir unha anchura de 5,5 metros, drenaxe, afirmado e pavimentación e sinalización horizontal. A previsión é que quede rematada nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

A institución provincial recalca que estas obras non só benefician aos veciños e veciñas de Sober, senón tamén a numerosos visitantes que empregan esta estrada para coñecer a Ribeira Sacra, os miradoiros e as adegas.

Deste xeito, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo. A mellora da mobilidade é unha prioridade para o Goberno, como queda demostrado nos orzamentos, nos que dedica o 30% a este obxectivo, tanto para actuacións na rede provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo, como nas vías municipais.