Comeza a venda de billetes do trens turísticos das rutas dos Faros, Monterrei ou Ribeira Sacra

AMariñaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Nos vindeiros días, ademais, RENFE porá á venda billetes outras rutas con saídas dende Ourense como é o caso da Ruta de Valdeorras
tren-turistico-renfe
19 Apr 2026

Xa están á venda os billetes para os Trens das rutas dos Faros, de Monterrei, Ribeira Sacra Sil e Miño e O Ribeiro-Rías Baixas. Estes itinerarios forman parte do programa de Trens Turísticos de Galicia, iniciativa posta en marcha por Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE.

A Ruta dos Faros ten a saída en Ferrol, con posibilidade de facer achegamento en autobús desde A Coruña. Desde aquí visitaranse varios puntos clave da costa norte da comunidade.

Así, o percorrido leva ata Cabo Ortegal, a Serra da Capelada, Santo André de Teixido, Ortigueira, Viveiro e Estaca de Bares, pasando por distintos faros, cantís e miradoiros. A ruta foi recoñecida recentemente co premio 'Tourism-Friendly' na categoría de viaxes de curta distancia, convocado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC).

A Ruta de Monterrei inclúe percorrido guiado polo Castelo de Monterrei, visita á bodega Terras de Gargalo e ao Ecoespazo do Rexo, ambos con degustación, e paradas en Verín, Allariz e outros destinos culturais. Con saída desde Ourense, ofrécese a posibilidade de achegarse á localidade en tren desde Vigo e Santiago.

A reserva dos billetes pódese facer a través da web de Renfe. En concreto, os itinerarios que xa se poden adquirir son as saídas do 6 e do 20 de xuño, as do 4 e 18 de xullo da Ruta dos Faros e a do 4 de xullo da Ruta de Monterrei. Está previsto que a dos Faros faga dúas saídas más, o 29 de agosto e o 26 de setembro, mentres que a de Monterrei sairá tamén o 29 de agosto. Estes percorridos poranse á venda en próximas datas.

No caso dos billetes para as Rutas da Ribeira Sacra (Sil e Miño), están á venda para as saídas do 6, 13 e 27 de xuño e 11 de xullo e no do Ribeiro-Rías Baixas, para a viaxe que terá lugar o 18 de xullo.

Nos vindeiros días, ademais, RENFE porá á venda billetes outras rutas con saídas dende Ourense como é o caso da Ruta de Valdeorras. De momento poderanse adquirir os itinerarios programados ata o 1 de agosto, posto que está previsto un cambio nos trens cos que se fai achegamento. Tras confirmarse estas modificacións, sairán á venda o resto de percorridos.

0.11451101303101