Comeza a tempada dos tradicionais paseos en barca polo río Cabe de Monforte

RibeiraSacraXa
O punto de inicio dos percorridos é o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros
paseos-río-Cabe-Monforte
paseos-río-Cabe-Monforte
1 Xul 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar o inicio da nova tempada dos tradicionais paseos en barca polo río Cabe, “unha actividade que conta con moita aceptación tanto entre os monfortinos e sobre todo, nas persoas que nos visitan durante estes meses de verán”.

Deste xeito, dende o 1 de xullo ao 30 de setembro de 2024 o río Cabe será escenario dunha interesante e ó mesmo tempo divertida e refrescante proposta no verán da cidade, unha actividade que está organizada polo Concello de Monforte de Lemos coa colaboración da Deputación de Lugo, a través do Plan Deputación 2024 de Cooperación cos Concellos, e o Club de Piragüismo Quixós. Este Club encárgase da xestión desta actividade, tanto do mantemento e condución das barcas como dos cobros e atención ós pasaxeiros.

O rexedor salienta que “dende o Equipo de Goberno apostamos ano a ano por esta actividade, porque é unha tradición que mantemos no Concello dende hai anos, e que permite gozar dunha perspectiva diferente da nosa cidade e que soamente é posible ter dende o río. Os paseos en barca polo río Cabe xa son durante os meses de verán un referente na programación cultural da cidade e un grande foco de atracción para a poboación local e para moitas persoas que nos visitan nesta época”.

Como é tradición, o punto de inicio dos percorridos é o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros, como en anos anteriores.

O horario será de luns a venres e entre as 18.00 e as 22.00 horas, os sábados, domingos e festivos: tamén en horario de mañá desde as 11:00 e ata as 14:00 horas e pola tarde de 18.00 a 22.00 horas.

“Hai diversos aspectos que contribúen a que este evento sexa moi significativo dentro da actividades culturais de verán en Monforte: a súa relevancia na recuperación do río Cabe e o seu contorno como elemento patrimonial de primeira orde en Monforte, o seu papel de acontecemento dinamizador de actividade a carón do río e o fomento que a actividade supón para manter vivo en xeracións de todas as idades o amor pola rica tradición fluvial local en particular e galega en xeral”, conclúe o alcalde.

0.19053602218628