Clausurado en Monforte o obradoiro de emprego da Pinguela

RibeiraSacraXa
O obradoiro contou cun orzamento que superou o medio millón de euros e estivo promovido polo Concello de Monforte e subvencionado polo Goberno de España
Clausura do obradoiro de emprego da Pinguela
Clausura do obradoiro de emprego da Pinguela
21 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fixo entrega este mércores dos diplomas acreditativos e certificados de formación aos 20 alumnos e alumnas que participaron en dous obradoiros municipais: o Obradoiro de Albanelaría e o Obradoiro de Carpintería.
José Tomé salientou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante 12 meses, pois o grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa”.

Este obradoiro de emprego celebrouse entre novembro de 2023 e novembro de 2024 nas instalacións da Escola Taller de A Pinguela, rehabilitada en dous obradoiros de emprego municipais anteriores, e que pasou a ser o lugar de traballo dos novos obradoiros desenvoltos polo Concello.

Na visita, o alcalde estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, o Director do Obradoiro José Mariño Méndez, representantes da Xunta de Galicia en Lugo, e membros da Corporación municipal.

O obradoiro, que contou cun orzamento que superou o medio millón de euros, estivo promovido polo Concello de Monforte e subvencionado polo Goberno de España. En concreto, conta cun orzamento de 577.046,20 euros, partida que procede de fondos Estatais (do SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal), autonómicos e municipais.

A aportación do Equipo de Goberno foi de 81.530,60 euros, é dicir, 76.530,60 euros máis que en 2023, que foron 5.000 euros, un 1.530% máis.

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da Escola Taller A Pinguela, coa substitución de cubertas, o acondicionamento de novos espazos de traballo, a substitución de portas e fiestras, escaleiras, a elaboración de novos pavimentos, así como a restauración e aproveitamento de pequeno mobiliario urbano para darlle un novo uso.

O alcalde lembrou que “unha vez rematado ambos obradoiros, dende o Concello de Monforte temos o compromiso de inserción de alumnos en empresas que precisen contratar a traballadores durante un mínimo de tres meses. Para elo, dámoslles ás empresas e un incentivo á contratación de 1.500 euros por alumno e empresa, para favorecer a inserción laboral destes programas no mercado de traballo”.

Así, con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado.

O rexedor monfortino pechou a súa intervención felicitando ós participantes nos obradoiros polo bo traballo desenvolto ó longo do ano, e desexoulles sorte na súa incorporación ó mercado laboral.

0.15435314178467