Cheo absoluto na segunda xornada do VIII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

A segunda xornada do VIII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos volveu rexistrar este sábado unha grande afluencia de público, cun recinto cheo desde primeira hora e unha elevada participación nas actividades programadas. O Paseo do Malecón converteuse de novo no epicentro da promoción dos viños da denominación de orixe, da gastronomía local e da cultura da Ribeira Sacra.
O alcalde de Monforte, José Tomé, destacou a “excelente acollida” que está a ter esta nova edición do festival, despois dun venres no que os stands das adegas e os postos gastronómicos xa rexistraran unha importante afluencia. O rexedor sinalou que o éxito do evento demostra o interese que esperta entre os amantes da viticultura e do viño, ademais da capacidade do municipio para atraer visitantes mediante iniciativas que dinamizan a economía local e impulsan sectores como a hostalaría, o turismo e a produción vitivinícola.
A programación profesional contou cunha notable resposta do público na sala de catas. A sumiller Mariña Fernández Toro, membro da Asociación Galega de Sumilleres, dirixiu a cata temática “Mesma linguaxe, distinta paisaxe”, centrada na comparación sensorial entre viños da Ribeira Sacra e referencias internacionais. Posteriormente, o Master of Wine Jonas Tofterup impartiu a masterclass “Entre Rochas e Viñas: o Esquisto na Copa”, na que analizou a influencia dos solos de xisto na personalidade dos viños elaborados en zonas de viticultura extrema.
O festival mantén tamén unha importante programación destinada ás familias. Os máis pequenos dispoñen dun espazo específico xunto ao río Cabe e participan en actividades como contacontos, obradoiros creativos, espectáculos de títeres e talleres tradicionais. A oferta complétase cun amplo programa musical, que este sábado ten como protagonista ao grupo galego Galifunk, encargado do concerto previsto para as once da noite.
Nesta oitava edición participan 27 adegas adscritas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra e 12 propostas gastronómicas que permiten degustar produtos de proximidade e elaboracións tradicionais. O programa inclúe ademais as populares Viñorutas polos vales do Sil e do Miño, unha das actividades máis demandadas polos visitantes.
Pola súa banda, a deputada autonómica e portavoz do PP en Monforte, Katherine Varela, visitou o festival acompañada pola parlamentaria Encarna Amigo, o deputado nacional Francisco Conde e a deputada autonómica Raquel Arias. Durante a súa visita, puxo en valor o apoio da Xunta ao sector vitivinícola da Ribeira Sacra a través dun investimento superior aos 1,5 millóns de euros destinado a medidas de conservación paisaxística e loita contra a erosión. Varela destacou tamén a participación das 27 adegas presentes no certame e reivindicou a importancia dos produtos autóctonos como motor económico e atractivo turístico para a comarca. Encarna Amigo incidiu na necesidade de preservar o territorio e o patrimonio natural como ferramenta para impulsar o desenvolvemento da Ribeira Sacra e consolidar o seu potencial de futuro.