Chantada volverá contar este verán cun servizo gratuíto de lanzadeiras á Praia da Cova con parada en Portotide

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra retomará este verán o servizo gratuíto de autobuses lanzadeira a algúns dos principais recursos turísticos do destino. No caso do Concello de Chantada, o servizo estará operativo entre o 18 de xullo e o 6 de setembro, os venres, sábados e domingos.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar os desprazamentos dos visitantes e evitar os problemas de aparcamento en espazos con elevada afluencia, como a Praia da Cova, ademais de mellorar o acceso a embarcadoiros, mosteiros e áreas de lecer.
A principal novidade desta edición é a incorporación dunha nova parada en Portotide, na ponte Pincelo, dentro da liña que une Chantada, Belesar e a Praia da Cova. Esta lanzadeira púxose en marcha o pasado ano e, segundo o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, demostrou a súa utilidade.
O punto de saída do servizo será a Praza de Galicia, en Chantada, con paradas no embarcadoiro de Belesar e en Portotide (ponte Pincelo) antes de chegar á Praia da Cova.
No traxecto de ida, as saídas desde Chantada realizaranse ás 10.35, 11.30, 12.40, 15.45, 17.00 e 18.15 horas, esta última con final no embarcadoiro de Belesar. O autobús pasará polo embarcadoiro de Belesar ás 10.50, 11.45, 12.55, 16.00, 17.15 e 18.30 horas, mentres que en Portotide fará parada ás 10.55, 11.50, 13.00, 16.05 e 17.20 horas. As chegadas á Praia da Cova están previstas para as 11.05, 12.00, 13.10, 16.15 e 17.30 horas.
No percorrido de volta, as saídas desde a Praia da Cova serán ás 12.05, 13.30, 16.20, 17.35, 19.10 e 20.55 horas. O autobús pasará por Portotide ás 12.15, 13.40, 16.30, 17.45, 19.20 e 21.05 horas e polo embarcadoiro de Belesar ás 12.20, 13.45, 16.35, 17.50, 18.30 —saída desde o propio embarcadoiro—, 19.25 e 21.10 horas. As chegadas a Chantada están previstas para as 12.35, 14.00, 16.50, 18.05, 18.45, 19.40 e 21.25 horas.