Chantada volverá a acoller o Congreso sobre a Vespa velutina o 24 de outubro

RibeiraSacraXa
O Auditorio municipal reunirá especialistas e profesionais para abordar novas técnicas de localización e control da especie invasora
VELUTINA xenerica
5 Oct 2026

Chantada volverá acoller o Congreso sobre a Vespa velutina, unha cita dedicada á análise dos métodos de detección e control desta especie e do seu impacto sobre a actividade apícola e o medio natural. O encontro celebrarase o sábado 24 de outubro no Auditorio municipal.

A programación comezará ás 10.00 horas coa inauguración e a presentación das entidades e administracións participantes. A primeira intervención correrá a cargo de Luís Abades, que entre as 10.15 e as 11.00 horas falará sobre o uso da tecnoloxía de precisión para a loita contra a Vespa velutina, con especial atención á xeolocalización estratéxica e á localización de niños.

A continuación, Antonio Cabanas, técnico-coordinador de Vespa Velutina, presentará a campaña de control desenvolvida por SEAGA para 2026. Ás 11.45 horas haberá unha pausa para o café e, ás 12.15 horas, celebrarase un foro aberto sobre a realidade do sector apícola fronte á presenza da especie.

A xornada matinal continuará ás 12.45 horas cunha sesión sobre a localización de niños mediante radiotelemetría Vespa Finder, impartida por Abel Kavanagh Roca. O programa fará unha pausa entre as 14.00 e as 16.00 horas para o xantar.

Xa pola tarde, José María Bass abordará, de 16.00 a 17.15 horas, diferentes estratexias para combater tanto a Vespa velutina como a Vespa orientalis nos colmeares, incluíndo ferramentas legais e medidas sostibles.

De 17.15 a 18.30 horas será a quenda do Grupo Operativo Biovesp, representado por Francesc Xavier Munill Bernardich, cunha intervención centrada no control biolóxico integrado da Vespa velutina e nos enfoques multidisciplinares e medidas innovadoras.

A recta final do congreso contará coa participación de José María Bello, da AGA, que ás 18.30 horas repasará unha década de aprendizaxe e loita integral contra a especie. Ás 19.00 horas terá lugar un novo foro aberto para poñer en común as conclusións do encontro.

O programa rematará ás 19.30 horas coa clausura do congreso e unha degustación de produtos da Ribeira Sacra.

0.17239308357239